O exconselleiro Comesaña será viceportavoz do PPdeG no Parlamento

Alfonso Rueda defende "non eternizarse" no cargo e resta importancia á saída de Elena Rivo do Goberno. 
Julio García Comesaña atendeaos medios de comunicación na sede do Ministerio de Sanidade, en Madrid, o 5 de abril.
photo_camera Julio García Comesaña atendeaos medios de comunicación na sede do Ministerio de Sanidade, en Madrid, o 5 de abril.

O ex conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña será viceportavoz do Partido Popular Galego no Parlamento da Galiza tras a súa saída do Executivo de Alfonso Rueda.

Así o avanzou o presidente da Xunta e do PPdeG nunha entrevista este domingo en Faro de Vigo. Rueda asegura que ao vigués lle toca "unha nova etapa" e avanza que será o viceportavoz do colectivo, tras o portavoz titular, Alberto Pazos Couñago, e de Paula Prado, viceportavoz primeira. Outra das viceportavocías do PPdeG ocupábaa a actual conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Cuestionado polo cambio na Consellería de Sanidade, Alfonso Rueda defende que este era o momento de "facer cambios". "Estou moi orgulloso do traballo que fixo, estou orgulloso do traballo que fixeron todos, sinceramente. Pero claro, se dis ou se pensas que é bo facer cambios, a alguén lle ten que tocar  e, polo tanto, eu véxoo con normalidade. Julio García Comesaña foi un magnífico conselleiro e terá un papel importante no grupo parlamentario”, afirmou.

Sobre a saída de Elena Rivo do Goberno galego tras ser nomeada en xuño do ano pasado, o titular do Executivo argumenta que se debe a que decidiu "reestruturar" ese departamento. Con todo, apuntou que a ourensá fixo "un bo traballo", pero "a outra solución era non cambiar absolutamente nada".

En relación co novo Goberno e a eliminación das vicepresidencias, Rueda defendeu un Executivo "máis horizontal" porque os temas "cada vez son máis complicados e afectan a máis departamentos". Ademais, presumiu da súa "experiencia" á hora de coordinar os temas desde Presidencia.

 

"Dous ou tres conselleiros manterán a acta"

A nivel parlamentario, Alfonso Rueda asegurou que aínda non pensou en que conselleiros seguirán como deputados no Pazo do Hórreo, pero avanza que "tampouco aí" enviará "ningún sinal".

"Que non se interprete a elección como sempre se interpretou. Probabelmente buscarei os que teñan máis experiencia parlamentaria. E vou ser bastante restritivo", concluíu antes de sinalar que pensa "en dous ou tres como moito". "

Así mesmo, durante esta entrevista, o presidente da Xunta recoñeceu que tras o resultado obtido nas urnas o pasado 18 de febreiro nota "outra cousa" e cre que a situación "non é a mesma" que cando tomou posesión por mor da marcha de Alberto Núñez Feijóo para liderar o PP estatal. No seu caso, continuou Rueda, cre que as súas aspiracións "xa están cumpridas" e subliñou que non "lle apetece nada" Madrid. "Aquí estou moi ben", afirmou.

Agora, afirma que non hai que "eternizarse" no cargo e sinala que lle parecen "razoables" dous ou tres mandatos . "Hai que ter tempo para desenvolver o teu proxecto, pero tampouco eternizarte. Cando Feixoo me propuxo a min para sucedelo na Xunta, puxen unha condición, que cando chegasen as eleccións quería ser o candidato. Necesitaba tempo para materializar os meus proxectos", declarou.

Comentarios