Feijóo saca peito co anuncio de Navantia e a oposición lémbralle anteriores 'fiascos'

A noticia en plena campaña dun preacordo para construír 4 buques sérvelle ao presidente para presumir de ‘’traballo’’. BNG e PSdeG lembran outras promesas en campaña que ficaron en nada e o comité de empresa fala de "vergoña".

Traballo Navantia
photo_camera Traballo Navantia

O anuncio esta sexta feira en plena campaña electoral dun preacordo entre Navantia e unha armadora para a construción de catro buques levou o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, a sacar peito e afirmar que “seguimos conseguindo carga de traballo para os estaleiros públicos” e falou dunha “excelente noticia” que “non pode pararnos” para lograr máis pedidos.

De por parte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, cualificou de “absolutamente indigno o uso que se fai de preacordos para Navantia, que aínda non son contratos e non sabemos en que van quedar despois, como arma electoral”. Vence lembrou que nos últimos anos en Galiza non hai campaña electoral na que non se anuncien grandes contratos para os estaleiros, “que ao final quedan en nada ou en moi pouca cousa”. O portavoz nacionalista dixo que en Galiza “aínda estamos esperando polos floteis anunciados nas anteriores campañas electorais polo señor Núñez Feijóo”.

Ignacio Naveiras, do comité de empresa de Navantia, cualificou este anuncio en precampaña de "vergoña" e digmo de ir a "un xulgado de garda". Tamén incidiu en que os traballadores están fartos de promesas e preacordos que despois non callan en realidade de carga de traballo.

O secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, pediu “seriedade” neste tipo de anuncios e instou a non caer neste tipo de promesas “en precampaña”, declinando máis valoracións até que se saiba máis deste preacordo.

Comentarios