Feixoo contra García Ortiz: crónica dunha 'declaración de guerra' con orixe na Galiza

Entre 2004 e 2020, Álvaro García Ortiz foi o fiscal especialista en Medio Ambiente da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).
Alberto Núñez Feixoo e Álvaro García Ortiz (Fotos: Eduardo Parra / Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Álvaro García Ortiz (Fotos: Eduardo Parra / Marta Fernández / Europa Press).

O pleno do Senado español aprobou esta cuarta feira a reprobación do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e pediu ao Goberno que o cese. A iniciativa saíu adiante pola maioría absoluta do PP, que contou co apoio de Vox e UPN.

Xa en febreiro, o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que García Ortiz debería estar "inhabilitado" e acusa ao Goberno do Estado español de "intervir" a Fiscalía, un dos poucos órganos da Xustiza que escapan ao control dun Consello Xeral do Poder Xudicial do que o Partido Popular mantén bloqueada a súa renovación.

Con todo, a animadversión do PP, e nomeadamente dos cargos da formación de dereita na Galiza, cara a este fiscal, vén de lonxe, incluso desde antes de que Feixoo ascendera ao liderado do Partido Popular na Galiza ou asumira a Presidencia da Xunta da Galiza.

"O Goberno quixo ocultar información co Prestige; o reproche dos galegos era comprensíbel", así se refería o agora fiscal xeral do Estado á xestión do Partido Popular da catástrofe provocada polo afundimento do petroleiro ao carón das costas galegas nunha entrevista concedida ao xornal El Diario en 2015.

Entre 2004 e 2020, Álvaro García Ortiz foi o fiscal especialista en Medio Ambiente da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). De feito, foi o fiscal do Caso Prestige, un proceso que cualificou como "fracaso absoluto da xustiza" polo atraso do xuízo. Ademais, alén das súas palabras sobre aquela catástrofe, a actividade do fiscal tamén o levou a chocar, no marco das obrigas do seu cargo, cos intereses do PP en cuestións como os incendios ou a minaría.

Feixoo e a "trama" dos incendios

O PP, baixo o mando de Feixoo en Madrid, emprende agora unha 'guerra' institucional contra o fiscal xeral. Con todo, non é a primeira vez que os camiños do líder popular estatal e de García Ortiz se cruzan. A súa historia comeza na Galiza, co conservador na Xunta e o fiscal no TSXG.

"Terrorismo incendiario", "trama organizada" ou "incendios para alterar a paz social". Estas eran algunhas das expresións que o entón presidente da Xunta, empregaba nas semanas posteriores á vaga de incendios de outubro de 2017 que arrasara nos montes galegos 50.000 hectáreas.

Non foi só el. Outros cargos da Xunta e representantes do PP afirmaban e reafirmaban naquela altura que había unha "trama" organizada de incendios na Galiza, afirmacións que mantiñan sen achegar evidencia algunha e que desbotaban calquera responsabilidade sobre a xestión do Goberno galego en materia de prevención e extinción dos fogos forestais.

Con todo, meses despois, o informe da Fiscalía Superior da Galiza sobre este incendios, tras realizar a súa obriga de investigar estes feitos, tombaba a tese de Feixoo. Non se coñece tal trama, non hai probas ou indicios que apunten a que exista, destacaba dito documento.

O informe está "practicamente concluído", manifestaba o daquela fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz como representante da Fiscalía do TSXG nesta materia. "Non temos evidencia de existencia de ningunha trama", afirmaba nunhas declaracións que deixaban por terra a estratexia comunicativa do Executivo galego.

Investigación sobre a minaría

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas cando Feixoo estaba na Presidencia da Xunta, compareceu varias veces en calidade de investigado polos supostos delitos cometidos na tramitación da licenza de actividade da mina de San Finx, en Lousame, (comarca de Noia), na súa etapa como alto cargo da Consellaría de Economía e Industria.

Aínda que a instrución segue en marcha, Tahoces xa fora investigado en relación a esta mina nun proceso que foi instruído por Álvaro García Ortiz na súa primeira etapa. Así, a acusación obtivo un sobresemento de forma provisional por parte do Xulgado a finais de 2021, en abril de 2023 a Audiencia da Coruña obrigou a continuar coa instrución, despois de observar materia penal na actuación do ex director xeral de Enerxía e Minas.

Neste sentido, a causa aberta contra Tahoces preocupou moito ao Executivo de Feixoo. Aínda a día de hoxe, xa con Alfonso Rueda na Presidencia, desde o PP temen que na ampliación do procedemento poida ter máis implicacións en outros expedientes polémicos, como o da mina de Varilongo (Santa Comba) ou os procedementos vinculados aos plans industriais do concurso eólico de 2010.

Comentarios