Debate de investidura

De "Poemas Galegos" e o Picasso catalán a unha falsa cita de Machado: os tropezos de Feixoo

Feixoo rivalizou verbalmente con Sánchez no debate de investidura a conta dunha cita literaria do poeta Antonio Machado... que resultou non ser tal.
O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, hoxe, desde a tribuna de oradores. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, hoxe, desde a tribuna de oradores. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Non é a primeira vez que a literatura xoga unha mala pasada a Alberto Núñez Feixoo. Hai máis dunha década, en 2012, o daquela presidente da Xunta protagonizou unha mensaxe institucional lembrada pola súa —naturalmente errónea— alusión á "casa natal de Rosalía de Castro" en Padrón, onde se atopaba para despedir o ano e desexar un próspero 2013. A poeta, lembremos, naceu en Santiago de Compostela.

E dous anos despois, daquela nunha entrevista na extinta canle V Televisión, Rosalía volveu avergoñar Feixoo. "As súas obras son o noso Quijote", dixo, sen concretar ningún título, como lle pediu a entrevistadora. Dada a insistencia, con rostro dubitativo, lanzou o 'triple': "Poemas galegos... pode ser?". O plató enmudeceu, sen que ninguén o corrixise, após escoitar a errada referencia a Cantares gallegos.

Esta quinta feira, no debate de investidura de Pedro Sánchez, o líder do PP meteu de novo a zoca cunha cita literaria, desta volta atribuída a Antonio Machado. Foi o propio Sánchez quen citou o poeta andaluz para xustificar a "valentía" de artellar unha Lei de amnistía que traballe pola "concordia" e a "reconciliación". "Porque é posíbel e porque, como dixo o xenial Antonio Machado, 'hoxe é sempre aínda (Hoy es siempre todavía)'", dixo.

Na súa réplica, Feixoo acusouno de omitir parte da cita: "Dígaa completa. Até nas citas mente vostede?". E, acto seguido, engadiu o que segundo el dicía a continuación Machado: "Hoxe é sempre aínda, toda a vida é agora. E agora, agora é o momento de cumprir as promesas que nos fixemos. Porque onte non o fixemos, porque mañá é tarde. Agora".

Porén, o cazador foi cazado. A cita que Feixoo atribuíu a Antonio Machado e coa que pretendía corrixir Pedro Sánchez era en realidade... do cantautor Ismael Serrano, tal e como el mesmo aclarou a través das redes sociais. "Non é por darme o pisto. Pero o engadido non é de Machado. É dun servidor. Forma parte da presentación que fixen da canción Agora na gravación dun concerto en vivo", advertiu.

Picasso ou os 'Tis che tein'

Alén do terreo literario, Feixoo deixou para a posteridade outras curiosas referencias como a súa alusión á —falsa— nacionalidade catalá do pintor Pablo Picasso, no marco da polémica xurdida en 2010 a raíz ta prohibición das touradas en Catalunya: "Cando se revisa a pinacoteca de Picasso advírtense bastantes asuntos de tauromaquia; non sei se o señor Picasso era catalán, pero creo que si".

Especialmente salientábel foi tamén a súa equivocación o pasado ano sobre a data de publicación de 1984, de George Orwell: "A mentira ou a posverdade escravízanos. E de feito podemos situar o nacemento da posverdade naquela distopía escrita por Orwell alá polo ano 84. Que como saben describe un réxime totalitario con toda a súa crueza". A obra saíu do prelo dúas décadas antes, en 1949, e o autor faleceu en 1950.

E, por último, cómpre lembrar a concesión da Medalla Castelao de 2013 á prestixiosa banda irlandesa The Chieftains, aos que Feixoo se referiu no seu discurso como "The Tis Che Tein".

Comentarios