Feixoo mantivo reunións en segredo con Abascal e Yolanda Díaz para analizar a actualidade política

O presidente do PP reuniuse tamén con dirixentes de UPN e CC.
Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)

O presidente estatal do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, mantivo encontros en segredo co presidente de Vox, Santiago Abascal, e a dirixente de Sumar, Yolanda Díaz, segundo avanzou en exclusiva La Sexta.

Fontes do PP consultadas polo medio confirmaron os encontros e explicaron que obxectivo dos mesmos era analizar a actual situación política no Estado español, así como analizar posíbeis relacións a longo prazo no caso de que os populares gañen as vindeiras eleccións estatais.

As mesmas fontes engadiron que, ademais de Abascal e Díaz, Feixoo mantivo encontros co presidente de Unión do Pobo Navarro (UPN), Javier Esparza, e co dirixente de Coalición Canaria (CC), Fernando Clavijo.

De cara ao mes de outubro, o presidente do PP ten programado outro encontro co seu homólogo no Partido Nacionalista Vasco (PNV), Andoni Ortuzar, do que si se coñecía a súa existencia.

Relación con Abascal e Díaz

Segundo detallaron as fontes do PP consultadas por La Sexta, Feixoo e Abascal non se coñecían persoalmente, a pesar de que compartiron militancia cando o presidente de Vox estaba integrado nas filas do Partido Popular.

Durante a reunión, o dirixente conservador e o de extrema dereita “coincidiron en parte do diagnóstico da situación política, aínda que diferiron na maneira de afrontalo”. O encontro, que durou aproximadamente unha hora, serviu de primeira toma de contacto ante unha posíbel coalición PP-Vox no caso de ambas formacións obteñan os escanos precisos para gobernar no Estado español.

En canto a Yolanda Díaz, Sumar confirmou que se producira este encontro entre o presidente do PP e a ministra de Traballo. Feixoo e Díaz si se coñecían, xa que o primeiro era presidente da Xunta cando a segunda entrou no Parlamento galega como deputada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

Comentarios