Debate de investidura

A "felicitación" de Feixoo a Sánchez: "Isto é unha equivocación e vostede é o responsábel"

O líder da oposición afirmou que o PP vai seguir "traballando por España" e que está "preocupado pola situación na que entra este presidente sometido a un contrato mensual" cos independentistas.
Alberto Núñez Feixoo achégase ao escano de Pedro Sánchez após a votación. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo achégase ao escano de Pedro Sánchez após a votación. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, desvelou após o pleno de investidura o seu saúdo ao socialista Pedro Sánchez cando se achegou ao seu escano no Congreso para felicitalo após ser investido presidente do Goberno español: "Isto é unha equivocación". Sánchez foi reelixido tras superar unha votación sen sorpresas na que obtivo o respaldo de 179 deputados e deputadas, que representan 51,14% da Cámara. Ao remate desa votación, Feixoo achegouse ao seu escano darlle os parabéns e tendeulle a man.

"Díxenlle ao presidente do Goberno que isto era unha equivocación, pero que el é o responsábel do que acaba de facer", confesou o propio Feixoo á saída do hemiciclo en declaracións aos xornalistas. O líder da oposición afirmou que o PP vai seguir "traballando por España" e que está "preocupado pola situación na que entra este presidente sometido a un contrato mensual" cos independentistas.

Por iso, dixo que o feito de que a próxima semana o Parlamento Europeo "debata sobre o fundamento desta investidura, que é unha Lei de Amnistía ao independentismo, é a peor forma de empezar unha lexislatura" e afecta a "reputación internacional" do Estado español e a democracia, manifestou. "Que no Parlamento Europeo a próxima semana debatan sobre se en España está garantido o Estado de Dereito ou non, nunca o tiñamos que vivir na nosa democracia", proclamou Feixoo, para engadir que sae da investidura "máis preocupado" que cando entrou.

O líder da formación conservadora sinalou que o PSOE está en mans daqueles que queren "un recoñecemento de nación distinta á de España" e "un referendo de autodeterminación". "E se isto non se fai dixeron que esta lexislatura periga", advertiu, para engadir que "o que necesita España é estabilidade, e non perigo neste momento".

"As alertas democráticas están acesas", engadiu, e avanzou que o PP "tentará traballar polo país e devolver a cordura que a ambición persoal do agora presidente levou a un canellón sen saída". Dito isto, asegurou que o presidente do Goberno "está intervido polo independentismo". "Vai ser presidente do Goberno durante o tempo que queira o independentismo, e lamentabelmente as decisións non se van a tomar nesta Cámara, senón que se van a tomar fóra desta Cámara e fóra de España", aseverou.

Comentarios