O gandeiro de Guntín condenado por explotación laboral, edil do PP, renuncia á súa acta e solicitará a baixa do partido

José Vázquez Barreiro presentou esta quinta feira un escrito no rexistro do Concello no que renuncia á súa acta como concelleiro e a todas as obrigas como membro do Goberno municipal.
Casa do Concello de Guntín. (Foto: Google)
photo_camera Casa do Concello de Guntín. (Foto: Google)

A decisión de José Vázquez Barreiro prodúcese só un día despois de que tanto BNG como PSOE reclamasen a súa "expulsión inmediata" do Goberno local de Guntín (comarca de Lugo) tras se confirmar que o edil do Partido Popular era un dos tres gandeiros que aceptaron esta terza feira unha condena de nove meses de prisión tras sentar no banco por un delito de explotación laboral contra dous traballadores de nacionalidade marroquí que estaban en situación irregular.

Segundo consta no escrito do fiscal, a empresa agraria denunciada, situada en Guntín, é a Casa do Coxo, á que está vinculado José Vázquez Barreiro, e os outros dous familiares que alcanzaron un acordo xudicial de conformidade que lles supuxo a rebaixa da pena inicial que pedía a Fiscalía (tres anos de prisión) e que se completa con indemnizacións aos dous traballadores por un total de 44.000 euros.

Renuncia voluntaria

Vázquez Barreiro concorreu ás eleccións municipais de maio de 2023 como número cinco da lista do PP que encabezou María José Gómez, agora conselleira de Medio Rural, quen deixou a Alcaldía en mans de Ángel Pérez o pasado mes de abril, tras a chamada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para facer parte do seu Goberno.

Vázquez Barreiro renuncia a súa acta de concelleiro a todos os deberes asociados á súa responsabilidade pública e avanza que solicitará a baixa voluntaria como militante do PP.

Desde o PP de Lugo aseguran nun comunicado que "nin a dirección do PP local nin provincial coñecían previamente os feitos nin a situación do até agora concelleiro, que vén de tomar esta decisión de forma persoal".

Feitos probados

O escrito do fiscal detalla que un dos traballadores comezou na explotación o día 12 de outubro de 2018, de forma irregular. Polos labores percibía un soldo de 700 euros mensuais, dos que lle descontaban 50 euros polo aloxamento que lle ofrecían nun anexo da explotación.

O outro empregado, en idénticas condicións laborais, comezou a traballar o 1 de marzo de 2020 e compartía aloxamento co seu outro compañeiro.

O Ministerio Público fixo constar que ambos os traballadores asumiron ese calendario laboral contrario á normativa debido á súa situación, xa que eran migrantes en situación irregular e descoñecedores do idioma e sen recursos económicos.

Ambos os traballadores prestaron servizo até agosto de 2020 cando marcharon a unha casa de acollida.

Comentarios