En Común-Unidas Podemos é a marca electoral coa que concorrerán en Galiza nas eleccións xerais Podemos, Esquerda Unida e Equo. Os mesmos actores que rubrican o acordo a nivel estatal. A decisión de Anova de non presentarse ás xerais borrou a 'especificidade' galega desta marca en Galiza. Borrouna até no nome, onde finalmente non figurará o nome do país (barallábase a denominación 'Galiza en común').
Segundo confirmaron a Europa Press fontes da negociación do acordo entre esas tres forzas (Podemos, EU e Equo) Antom Gómez-Reino será o número uno pola Coruña desta candidatura, mentres que pola provincia de Pontevedra irá Yolanda Díaz, que nas anteriores eleccións concorrera pola Coruña.
Ledicia Piñeiro (Podemos) será a número un da coalición pola provincia de Ourense, mentres que o primeiro posto da lista por Lugo aínda non está pechado. O prazo para rexistrar candidatas para as xerais finaliza o 25 de marzo.
Así pois, netses comicios haberá dúas candidaturas do que se autodenominaba o espazo da unidade popular: En Marea e En Común-Unidas Podemos.