Entrevista

Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo en Compostela: "A maioría das vivendas turísticas operan á marxe da legalidade"

O Goberno municipal de Compostela vén de pór freo aos negocios turísticos para impulsar o comercio de proximidade e asentar poboación no centro histórico. A medida fai parte dunha estratexia ambiciosa que busca facer da cidade un espazo máis habitábel. 'Nós Diario' entrevista o concelleiro Iago Lestegás sobre as accións planificadas.
O edil de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás. (Foto Nós Diario).
photo_camera O edil de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás. (Foto Nós Diario).

—En que se concreta a suspensión de novas licenzas e comunicacións previas de actividade que veñen de acordar?
Esta suspensión cautelar, durante un prazo máximo dun ano ou até que se aprobe a modificación do Plan especial de rehabilitación e protección da cidade histórica na que xa estamos a traballar, prodúcese en aplicación dunha potestade que a Lei do solo da Galiza lles dá aos Concellos cando queren estudar unha reforma da planificación urbanística. É un procedemento habitual.

Neste caso suspéndense novos usos residenciais en planta baixa, en locais onde se viñan desenvolvendo outros usos distintos; suspéndense as autorización para novos estabelecementos dedicados exclusivamente a satisfacer a demanda turística, desde tendas de recordos até as consignas automáticas de equipaxe, e suspéndense as autorización de novos estabelecementos de hostalaría en locais nos que non se viña desenvolvendo esa actividade.

É dicir, suspéndense novos usos comerciais que non atendan directamente as necesidades da poboación residente. Despois hai unha serie de excepcións, entre as que están as dos comercios que queremos protexer: o comercio de proximidade e alimentación.

—Queren definir os eixos comercias da cidade para atraer e fixar poboación. Como é hoxe a vida na centro histórico?
Nos últimos anos houbo unha substitución gradual pero continuada de locais que atendían as necesidades da poboación residente por outro tipo de estabelecementos que non o fan, e entendemos que a falta dun comercio de proximidade e a escaseza de oferta no ámbito da alimentación na cidade histórica, malia existir unha praza de abastos que proporciona unha oferta comercial excelente mais nun horario limitado, contribúe a que moitas persoas non vexan atractiva esta contorna como un lugar para vivir. 

Nós temos unha dobre estratexia en relación coa habitabilidade da cidade histórica, que é facilitar que as persoas que queren vivir aí poidan facelo e promover que cada vez máis xente queira vivir na cidade histórica. Intentamos reverter esa transformación de hai anos que se materializa mesmo na substitución de comercios emblemáticos, como foi o Dubrés en 2018, na Acibecharía, un ultramarinos en cuxo lugar abriu unha tenda de souvenirs.

—Ten que mudar a presión sobre o parque de vivendas para facer a cidade máis habitábel?
O residencial e o comercial van unidos, son elementos complementarios. Dicíame a propietaria dunha mercería na cidade histórica: "Quen me vai mercar a min se non hai ninguén aquí?" Fai falta comercio para que haxa residentes e fan falta residentes para que haxa comercio. Por iso, a través da planificación urbanística estamos actuando para garantir o uso residencial das vivendas e tamén que o tecido comercial sexa suficientemente denso e diverso para atender as necesidades da poboación residente e non só as do turismo

—Cal é a realidade do parque de vivendas, do mercado residencial fronte ao mercado turístico?
De acordo co Instituto Galego de Estatística temos unhas 56.000 vivendas e unha poboación real de 115.000 persoas, polo tanto, o parque residencial que existe debería ser suficiente para satisfacer as necesidades de todas as persoas en materia habitacional se se fixese un uso máis eficiente do conxunto de vivendas.

—Que frea agora mesmo ese uso eficiente do parque residencial?
Por unha parte temos entre 800 e 1.000 pisos turísticos funcionando, a inmensa maioría á marxe da legalidade urbanística, porque só 58 teñen o preceptivo título habilitante municipal de natureza urbanística; e por outra parte temos, de acordo co Instituto Nacional de Estatísica, 6.198 vivendas baleiras que tamén deberían pórse en uso e contribuír a mitigar esta crise de vivenda. Neste sentido, estamos activando o rexistro de soares, unha ferramenta que permite aos concellos sacar a poxa pública aqueles inmóbeis cuxos propietarios incumpren o seu deber de conservación e rehabilitación.

—E veñen de dar a coñecer a ordenanza complementaria sobre vivendas de uso turístico.
A ordenanza, que se someterá a aprobación no pleno este mes, limítase a regular a forma de comunicarlle á administración municipal o desenvolvemento dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda que prevé o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Ten un fin moi específico e define os requisitos aplicábeis para pór en alugueiro turístico durante 60 días inmóbeis que teñen uso residencial e que son vivenda habitual dunha persoas física polo menos durante 183 días.

A decisión que adoptamos é que só poidan funcionar como pisos turísticos aqueles que teñen autorización municipal ou poidan obtela. No rexistro da Xunta, en abril, había 816 aloxamentos inscritos e só 170 compatíbeis co planeamento urbanístico.

Rehabilitar para a vivenda pública

No Goberno municipal de Compostela están a traballar na posta en marcha dunha empresa pública de vivenda co obxectivo de "impulsar a rehabilitación". A medida está en fase de deseño e afinación. "Estamos traballando na definición do obxecto social e sobre todo da memoria xustificativa e do modelo de financiamento", precisa o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago. "Non vai todo o rápido que me gustaría, pero esperamos tela en marcha pronto".

A empresa municipal de vivenda vi na mesma estratexia de avanzar "cara a un aproveitamento máis eficiente do parque residencial que xa existe. A idea é que poidamos adquirir inmóbeis e rehabilitalos con destino a vivenda pública e alugueiro".

Comentarios