18-F

O premio Nobel da Paz Pérez Esquivel pide o voto para o BNG

“Defende os intereses da Galiza”, sinala este arxentino de raíces galegas.

esquivel ramonet
photo_camera Adolfo Pérez Esquivel e Ignacio Ramonet (Foto: @IRamonet) ·

Ignacio Ramonet publicou nas súas redes sociais un chío no que informaba do apoio que o seu amigo, o premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel, quer trasladar ao BNG de cara ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro.

“Fálalles Adolfo Pérez Esquivel, premio Nobel da Paz. Arxentino de nacemento e galego de orixe. O meu pai foi pescador en Combarro. Hai que apoiar a candidatura de Ana Pontón como candidata a presidenta á Xunta de Galiza polo BNG. Defende os intereses de Galiza”, puña o chío, acompañado dunha foto de ambos os dous.

Na súa mensaxe, Esquivel  apunta que aínda que non ten “costume de apoiar candidaturas electorais” decide facelo porque “neste caso trátase da miña segunda patria” e considera “necesario implicarse fronte ao avance do neofascismo no mundo”.

“Desde a miña posición de militante independente, coincido co meu amigo Xosé Manuel Beiras en que hai que apoiar a candidatura de Ana Pontón como candidata a presidenta á Xunta da Galiza polo BNG”, expuxo. Defende que o BNG “son unha alternativa de esquerda, progresista que defende os intereses de Galiza” e que coa representación dos deputados do PSdeG, encabezados por José Ramón Gómez Besteiro, “é posíbel gañar as eleccións e conformar un Goberno de progreso”.

“Desde a Arxentina envíolles un abrazo de paz, de mar a mar. En memoria do meu pai e de tantos miles de emigrantes galegos que viven no mundo”, di. Non é esta a primeira vez en que o Nobel arxentino de raíces galegas mostra o seu apoio ao nacionalismo galego. En 2023, encabezou un manifesto de personalidades e simpatizantes en apoio ás candidaturas do BNG para as eleccións estatais de 23 de xullo.

Aquel manifesto apuntaba que “nestas eleccións xógase democracia ou neofascismo e nesta disputa non podemos estar ausentes. Por este motivo, as personalidades da diáspora galega chaman a apoiar nas próximas eleccións os candidatos do BNG, que, segundo indican “demostraron, neste mandato que termina, que foron os que mellor defenderon os dereitos nacionais da Galiza desde unha perspectiva de esquerda”.

Comentarios