Luisa Sánchez será deputada provincial no lugar de Fernández-Tapias

Logo de que a pasada segunda feira Marta Fernández-Tapias formalizara a súa renuncia aos seus cargos políticos como edil e deputada provincial, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López 'Lugués', confirmou onte que a súa substituta no ente será a tamén concelleira do PP en Vigo Luisa Sánchez. 
A concelleira do PP en Vigo Luisa Sánchez, o pasado 15 de febreiro nun reparto electoral (Foto: Nós Diario).
photo_camera A concelleira do PP en Vigo Luisa Sánchez, o pasado 15 de febreiro nun reparto electoral (Foto: Nós Diario).

Segundo anunciou López, Sánchez é a primeira suplente do partido xudicial de Vigo, polo que lle corresponde tomar posesión como deputada. 
A renuncia de Fernández-Tapias, formalizada un día despois dos comicios galegos –nos que o PP de Vigo sufriu unha derrota electoral ao verse superado en votos polo BNG–, xa fora anunciada polo PSOE vigués o 2 de febreiro e confirmada, posteriormente, por ela mesma. Tras a súa saída entrará na Corporación provincial a concelleira do PP Luisa Sánchez, que traballou durante 27 anos como directora financeira do hospital privado Povisa. Porén, deu o salto da sanidade privada á pública desde que en 2023 o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a nomeou directora de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

No Concello, Tapias será substituída pola empresaria viguesa Patricia García, número seis na candidatura popular municipal e número dous por Pontevedra no 18-F.

Agora, a Deputación tomará coñecemento da renuncia de Fernández-Tapias no próximo pleno, que decorrerá mañá, e "dará os pasos de cara á reorganización" até que poida tomar posesión Luisa Sánchez. Con todo, aínda non está claro como ficará o organigrama da Deputación tras a saída de Fernández-Tapias. Será o propio Luís López o encargado de decidir se manter a vicepresidencia viguesa e, no seu caso, nomear alguén para a mesma, ficar só coa Vicepresidencia que ocupa o concelleiro pontevedrés Rafael Domínguez, ou incluso eliminar as dúas, segundo indicaron fontes do partido. Precisamente, a constitución da nova corporación na Deputación afondou na crise existente nas filas do PP pontevedrés. Marta Fernández-Tapias postulárase como candidata fronte a 'Lugués', que logrou o cargo grazas ao apoio dos rexedores do Deza, O Salnés e o Condado, a pesar de que a viguesa contaba co apoio do aparato do partido e do propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

Volta a unha xestora

O papel do mandatario galego foi tamén crucial para que Fernández-Tapias fora nomeada candidata na cidade olívica, nun conflitivo proceso que a confrontou co senador Javier Guerra, despois de que a agrupación local pasara varios anos en mans dunha xestora. 

Unha situación á que regresa agora o PP de Vigo coa marcha da ex vicepresidenta da Deputación. Será Ana Ortiz, que sucedeu Fernández-Tapias na Delegación territorial da Xunta en Vigo, a que presida a xestora que tomará as rendas do PP na cidade mentres non teña lugar o congreso no que se elixa a nova dirección local do partido.

Ademais de Ortiz, a Xunta Xestora estará integrada polo secretario xeral local, Alberto Fuentes; a deputada electa Marta Mariño; a concelleira Luisa Sánchez; a coordinadora xeral do PP en Vigo, Montse Otero; e militantes de base como Borja Fontán ou Rosa Estévez. Así o deu a coñecer 'Lugués', que expresou a "urxencia" de contar "canto antes" cunha dirección.  

Comentarios