A militancia de En Marea decidirá mañá se o partido concorre ás eleccións galegas do 12 de xullo nun plenario telemático extraordinario. A formación, que desbotara participar nos comicios do 5 de abril, alega que "mudou todo o panorama nestes meses".
Do plenario tamén sairá a fórmula baixo a que En Marea podería presentarse ás eleccións. Desta maneira, se a maioría das inscritas aposta por formular unha alternativa nas urnas, votarán se o partido concorre "en solitario ou en coalición e, de ser en coalición, se é con plataformas municipais e partidos políticos".
"En En Marea as inscritas son quen teñen a última palabra", asegura a portavoz da formación, María Chao, que salienta que a "base" será "un programa baseado en combater as emerxencias climática, social e feminista" que vive o país e "sempre pulando por unha nova normalidade xusta e sostíbel".
O partido considera que "neste momento non hai unha alternativa clara ao Partido Popular" e pretende "levar a transversalidade da sociedade e o debate das ideas ao debate electoral".