18-F

Marta Lois cualifica de "propaganda política" o discurso de Rueda

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta lamenta a decisión de Podemos de non concorrer en coalición.
Marta Lois, portavoz de Sumar no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Marta Lois, portavoz de Sumar no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A candidata de Sumar á Xunta da Galiza, Marta Lois, cualificou este domingo de "propaganda política" o discurso de Fin de Ano do presidente galego, Alfonso Rueda, ao que acusou de non falar con el "á Galiza real". En declaracións aos medios, Lois asegurou que se tratou de "un discurso decepcionante" que "claramente adquiriu un ton electoral" e de "propaganda política".

Así mesmo, criticou que nel o presidente galego non falase "á Galiza real, aos galegos e galegas preocupados por cousas como pagar o prezo do aluguer", a "suba das hipotecas" ou o sistema sanitario con "urxencias saturadas" e persoal médico que "non dá abasto".

"O señor Feixoo é realmente o xefe do señor Rueda, que é o delegado das políticas regresivas destes últimos 14 anos de Goberno do Partido Popular na Galiza", dixo Marta Lois, que se mostrou convencida de que "os galegos progresistas", que son "maioría", mobilizaranse o 18 de febreiro para que "este sexa o último discurso do señor Rueda".

A Galiza, engadiu, quere "unha etapa nova" e este 2024 hai "unha oportunidade histórica para facelo". "Estamos convencidas de que Sumar Galicia é precisamente ese voto decisivo que pode cambiar, pode abrir un tempo novo para o noso país", dixo Lois. "Fixémolo no Goberno do Estado, co Goberno de coalición e estamos convencidas de que hai unha maioría progresista no noso país e que, se se mobiliza o 18 de febreiro, teremos un cambio", finalizou.

Decisión de Podemos

Lois lamentou este domingo a decisión de Podemos Galicia de non concorrer en coalición coa súa formación o próximo 18 de febreiro, algo ante o que apelou ao compromiso co "cambio" de Sumar Galicia e apostou por "mirar ao futuro".

A preguntas dos medios en Santiago, Lois defendeu que Sumar Galicia "leva traballando moito tempo" coa idea de transformar o voto progresista de Galiza nun "cambio" na política do país o próximo mes de febreiro, algo no que lamentou que non se lles una, como coalición, Podemos Galicia.

"Lamentamos a decisión", dixo Lois, que engadiu que Sumar Galicia "mira para o futuro" dado que "hai unha maioría progresista" na Galiza "que quere cambio" e o 18 de febreiro hai "unha oportunidade histórica" para conseguilo, algo no que, cree, o voto de Sumar Galicia "vai ser decisivo".

Comentarios