Néstor Rego: “É o momento de declarar nula a concesión da AP-9”

Após o segundo expediente da Comisión Europea por prórroga irregular da concesión, o deputado nacionalista no Congreso reclama ao Goberno do Estado “aproveitar esta oportunidade de ouro” e rematar coa “estafa que supón para todos os galegos e galegas” o pagamento das portaxes

Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas ante o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea ao Estado español pola prórroga da concesión da AP-9.

A organización nacionalista ve no segundo expediente de infracción ao Estado español “unha oportunidade de ouro” para declarar nula a concesión actual co obxectivo de ter unha AP-9 “pública, galega e libre de peaxes”.

“As portaxes da AP-9 son un lastre para a economía galega, para a súa competitividade,  para a mobilidade e para a cohesión territorial e social da Galiza porque é unha autoestrada que vertebra o país de norte a sur. Esta infraestrutura viaria está mais que amortizada” denuncia o deputado do BNG.

De facto, desde o ano 2013, “os galegos e galegas non tiñan que ter pagado nin un euro máis e se continuamos a pagar estas portaxes é grazas ao goberno do PP de Aznar” que, por riba, “acordou de xeito irregular a prórroga da concesión”.

En opinión da organización nacionalista, o segundo expediente realizado pola Comisión Europea “é unha oportunidade de ouro para conseguir que a AP-9 sexa, por fin, unha AP-9 pública, galega e libre de peaxes”. Neste sentido, Néstor Rego reclama ao Goberno “dar por finalizada a concesión, recuperar a xestión pública da autoestrada e transferila á Xunta da Galiza”

Paralelamente, o deputado nacionalista lembrou a necesidade de que o Goberno do Estado aprobe xa as novas bonificacións para as persoas usuarias da autoestrada do Atlántico. “O acordo de investidura conseguido polo BNG recolle descontos de até 75% para usuarios e usuarias recorrentes. O Goberno do Estado, sen contar con Orzamentos, pode e debe aplicar estas bonificacións mentres non declare nula a concesión” afirma.

A Comisión Europea e o procedemento de infracción aberto ao Estado

A Comisión Europea recolle no seu informe, segundo os datos feitos públicos pola prensa, que na concesión da prórroga da AP-9 houbo defectos de forma e tamén de fondo. Así mesmo, considera que o verdadeiro obxectivo das prórrogas -da AP-9 e da AP-66- era aumentar o seu valor e facelas máis atractivas de cara a unha futura venta, xa prevista nese momento, facéndoas así máis rendíbeis.

Comentarios