O Parlamento reclama á Xunta os contratos con Eulen desde 2009

Os acordos coa empresa aumentaron en 300%.
Reunión da comisión de Xustiza e Interior, decorrida esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Reunión da comisión de Xustiza e Interior, decorrida esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)

O Parlamento galego aprobou onte por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PSdeG na que instaba a Xunta a remitir á Cámara unha "relación detallada" dos contratos formalizados entre as empresas do grupo Eulen e a Administración galega desde 2009 até a actualidade.
A iniciativa, defendida polo deputado Pablo Arangüena, debátese após a semana pasada unha proposta do BNG defendida por Daniel Castro denunciase que a Xunta non respondera ás solicitudes de información da formación nacionalista sobre os contratos con Eulen.

Durante a súa intervención, Arangüena asegurou que, desde a entrada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta, os contratos con este grupo, do que é "alta directiva unha irmá" do ex presidente galego, "incrementaron 300%" con respecto á etapa anterior. Ademais, o deputado do PSdeG manifestou que existen "unha serie de indicios de algo máis que un trato de favor" por parte do Goberno galego a respecto desta empresa. Iria Carreira (BNG) afirmou que Eulen "multiplicou" os contratos coa Xunta desde que Núñez Feixoo chegou á Presidencia, o que non se pode desligar, apuntou, de que a súa irmá fose apoderada da empresa. 

"Desde que Alberto Núñez Feixoo chegou á Xunta da Galiza asináronse 139 contratos con Eulen por 37 millóns de euros, tres veces máis ca antes", indicou Carreira.

A parlamentaria nacionalista apuntou na súa intervención ao "veo de sospeita" existente nalgúns concursos que o grupo Eulen gañou con "baixas temerarias" ou sen ser "a oferta económica máis vantaxosa", afirmou a deputada.

Ademais do PSdeG e do BNG, a iniciativa contou co voto a favor do PP que, aínda que criticou a argumentación, dixo que non se opón a que se faciliten eses datos ao Parlamento, porque "están ao dispor de calquera na plataforma de contratación da Xunta". "Están a solicitar unha información que é totalmente pública", dixo o deputado Alberto Pazos Couñago.

Comentarios