Xustiza

Fin da 'Operación Pokémon': penas de prisión inferiores a tres anos para os once acusados, que se declaran culpábeis

Todos os imputados admitiron, un a un, a súa participación nuns feitos relacionados coa adxudicación de maneira fraudulenta do servizo do guindastre municipal de Lugo á empresa Cechalva cando o principal imputado na peza, o ex concelleiro de Lugo Francisco Fernández Liñares estaba á fronte da área de Urbanismo.
Os imputados Jorge Pío (segundo pola dereita) e Javier Reguera (primeiro pola dereita), esta segunda feira, na Audiencia de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Os imputados Jorge Pío (segundo pola dereita) e Javier Reguera (primeiro pola dereita), esta segunda feira, na Audiencia de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Audiencia Provincial de Lugo acordou impor esta segunda feira penas de prisión inferiores aos tres anos para cada un dos once imputados na peza orixinal da 'Operación Pokémon', a maior 'macrocausa' de corrupción política investigada na Galiza, tras alcanzar o Ministerio Fiscal un acordo de conformidade coas defensas de cada procesado e recoñecer estes ante a xuíza a súa autoría dos feitos.

Uns feitos relacionados coa adxudicación de maneira fraudulenta do servizo do guindastre municipal de Lugo á empresa Cechalva —entre os anos 2004 e 2006— cando o principal imputado na peza, o ex concelleiro de Lugo Francisco Fernández Liñares estaba á fronte da área de Urbanismo. De acordo co recollido no escrito de acusación da Fiscalía, o ex edil, que tamén chegou a desempeñar o posto de tenente de alcalde durante o mandato do socialista José López Orozco, aproveitou a súa posición de poder e o seu cargo público para favorecer a concesión da adxudicación á citada empresa obtendo por iso contraprestacións económicas.

Ademais de Fernández Liñares, que compareceu na vista por videoconferencia desde a prisión de Monterroso, onde cumpre condena por outros delitos, esta segunda feira sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial dez procesados máis: Javier Reguera e Manuel Santiso, como parte do accionariado de Cechalva polos seus vínculos directos con Liñares; así como oito empresarios relacionados coa empresa ou procesados como parte do sistema de dobre contabilidade con caixa B que esta mantivo durante o período investigado no marco da causa.

Rebaixa das penas

Tras a lectura do escrito de acusación, que se prolongou durante máis dunha hora, e das modificacións realizadas por parte da Fiscalía como consecuencia dos acordos alcanzados, os once imputados recoñeceron, un a un, a súa autoría dos feitos e aceptaron as novas penas impostas. Unhas penas que en ningún dos casos excede os tres anos de prisión.

A maior rebaixa recaeu sobre o principal acusado, Francisco Fernández Liñares, para quen a Fiscalía solicitaba inicialmente unha pena acumulada de nove anos e medio de cárcere e que deberá cumprir agora dous e medio como autor confeso dos delitos de violación de segredos por funcionario público, suborno en concurso con negociacións prohibidas, prevaricación e branqueo de capitais. Deberá abonar tamén unha multa lixeiramente superior aos 100.000 euros.

Reguera e Santiso, pola súa parte, que se enfrontaban a penas de prisión próximas aos oito anos, foron condenados finalmente a dous anos e cinco meses e dous anos e un mes de cárcere, respectivamente, polos delitos de aproveitamento de información privilexiada, suborno, falsidade en documento mercantil e delito contábel continuado.

O resto dos acusados foron castigados con penas de menor duración de entre dous meses e un ano e catro meses de cárcere por suborno, falsidade en documento mercantil, delito contábel continuado e branqueo de capitais.

"Todos os acordos son agridoces"

A investigación da peza orixinal xulgada esta segunda feira en Lugo foi a que inaugurou as dilixencias que acabarían derivando na macrocausa 'Pokémon', instruída inicialmente desde o Xulgado número 1 de Lugo pola xuíza Pilar de Lara e fragmentada desde o ano 2012 en múltiples causas e arquivos xudiciais. Un longuísimo proceso de instrución que motivou a aplicación para os once procesados dunha atenuante de dilacións indebidas considerada pola Sala como "moi cualificada" e "responsábel", en parte, da notábel rebaixa das penas.

"Despois de máis dunha decena de anos atopámonos coa posibilidade de fechar este asunto cun acordo de conformidade entre as partes, que entendemos que é o máis beneficioso tanto para a Administración de Xustiza como para os nosos clientes", manifestou, en relación ao acordo alcanzado e fronte á sede da Audiencia Provincial, Emilio Cortés, avogado defensor de Francisco Fernández Liñares.

Un pacto entre defensas e Fiscalía que o propio letrado cualificou despois como agridoce. "Os acordos sempre son agridoces, porque todas as partes están contentas e descontentas á vez. Sempre quedará a sensación de que poderiamos chegar a unha sentenza máis favorábel para o noso cliente, igual que a acusación pensará que podería conseguir unha condena máis contundente. Pero a conformidade consiste niso", precisou.

Nunha liña moi similar pronunciouse o avogado de José Luis Álvarez, outro dos imputados na causa. "Foron moitos anos no Xulgado de Instrución e ao final todos chegamos a un acordo coa Fiscalía. Alongouse moito o procedemento pero tamén é certo que se está aplicando a atenuante de dilacións indebidas e o decurso do tempo xogou a favor do reo neste caso", finalizou.

Comentarios