Podemos Galicia exixe a dimisión do conselleiro do Mar por ocultar a vertedura de pellets

Faraldo afirma que a Xunta da Galiza xa tiña coñecemento do caso a día 8 de decembro
Á esquerda, Isabel Faraldo; á dereita, Ximena Cheda (Foto: Europa Press).
photo_camera Á esquerda, Isabel Faraldo; á dereita, Ximena Cheda (Foto: Europa Press).

A candidata de Podemos Galicia á Presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, exixiu este sábado, 6 de xaneiro, a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez.

A candidata morada denuncia que a propia Xunta “era coñecedora da vertedura de pellets a día 8 de decembro por un comunicado do Ministerio de Transportes”, e non o fixo público até case unha semana despois, a 13 de decembro. “O señor Rueda xa non ten nada que envexar ao señor Fraga e ao señor Raxoi cando nos tapaban información sobre o Prestige”, afirmou Faraldo.

Para a candidata de Podemos Galicia o Goberno popular “leva un mes ocultando información” e a situación coñécese grazas “ás denuncias de grupos ecoloxistas, grupos de mariscadoras e grupos veciñais” e ás publicacións da prensa. A candidata destacou que “esta é a marca do PP na Galiza: mentiras e opacidade”.

Dende a formación morada xa se refiren á vertedura de pellets de plásticos como “Prestige 2.0”.

Faraldo tamén denunciou a “inacción” da Administración galega á hora de limpar o vertido, que se localiza sobre todo nas rías de Arousa e Muros Noia, aínda que xa comeza a estenderse por todo o litoral.“As galegas volvemos dicir Nunca Máis”, concluíu a candidata.

Comentarios