18-F

Representantes da pesca que criticaron por "politizada" a manifestación dos pellets arroupan Rueda no mitin do PP

"Segundo eles eu non era neutral, non opinaba polo meu amor ao mar e á pesca, non como os patróns maiores nin presidentes de Federacións de Confrarías, que a súa posición contra a manifestación en 'Defensa do noso Mar' e contra a miña persoa eran 'apolíticas', como ben se nota no mitin central do PP", ironiza o mariñeiro Rogelio Santos.
No centro, Daniel Formoso, presidente da Federación de Confrarías da Coruña, canda Alfonso Rueda e outros representantes do sector no mitin do PP deste sábado.
photo_camera No centro, Daniel Formoso, presidente da Federación de Confrarías da Coruña, canda Alfonso Rueda e outros representantes do sector no mitin do PP deste sábado. (Foto: @QueirugaRogelio)

O pasado 23 de xaneiro, dous días despois de que milleiros de persoas enchesen Santiago de Compostela nunha manifestación convocada por colectivos ecoloxistas, sociais e mariñeiros "na defensa do mar", contra a xestión da Xunta da Galiza na 'crise dos pellets' e exixindo solucións para o sector, representantes de diferentes confrarías cargaron duramente contra as entidades convocantes da protesta por considerar que non era "oportuna" e que estaba "politizada".

Entre eles estaba o patrón maior de Muros e presidente da Federación de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, que lamentou que se "dividise" o sector con "mentiras e bulos". "Nós somos os representantes e loitaremos día e noite, como así o fixemos", dixera entón.

Naquela comparecencia o presidente da Federación de Pontevedra, José Manuel Rosas, aludiu directamente ao mariñeiro e divulgador Rogelio Santos, un dos rostros visíbeis das críticas á xestión da Xunta e defensor da mobilización, a quen cualificou de "salvador da patria" que "aparece cando lle convén".

E agora o propio Santos quixo responder a quen o acusaron de promover unha manifestación "con fins políticos" compartindo unha imaxe na que aparecen Daniel Formoso e outros patróns maiores do país, como os de Portosín ou Porto do Son, no acto central da campaña electoral do PP na praza de Touros de Pontevedra, este sábado, acompañados do presidente e candidato popular, Alfonso Rueda.

"Segundo eles eu non era neutral, non opinaba polo meu amor ao mar e á pesca, senón de xeito interesado porque a miña irmá [Carmen Santos] foi secretaria xeral de Podemos hai 5 anos e eu me declarei votante do BNG. Non como os patróns maiores nin presidentes de Federacións de Confrarías, que a súa posición contra a manifestación en 'Defensa do noso Mar' e contra a miña persoa eran 'apolíticas', como ben se nota no mitin central do PP", ironizou o mariñeiro, rematando na súa mensaxe: "Nada máis que engadir".

Cómpre lembrar que outro dos representantes da pesca que cargou con fortes críticas contra a manifestación e o propio Santos foi José Manuel Rosas, hoxe presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra e no pasado candidato e portavoz municipal do Partido Popular en Bueu.

Máis en POLÍTICA
Comentarios