Parlamento

Pontón acusa a Xunta de "gobernar para as eléctricas" e Rueda fala de "populismo enerxético do BNG"

O líder do PP e presidente da Xunta, Alfonso Rueda asegurou que o seu Goberno aproveitará as "oportunidades" que se abren en materia eólica mentres que Ana Pontón acusou a Xunta de "regalar1.600 millóns de euros ás eléctricas".
Sesión de control ao Goberno no Parlamento galego esta cuarta feira (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Sesión de control ao Goberno no Parlamento galego esta cuarta feira (Foto: Parlamento da Galiza).

A instalación de parques eólicos en terras e augas galegas centrou boa parte da sesión de control ao Goberno galego que tivo lugar no pleno da Cámara galega esta cuarta feira con choque de acusacións entre BNG e PP.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou que o seu Goberno seguirá "loitando con rigor" para que Galiza aproveite as "oportunidades" que se abren en materia eólica e mostrou o seu rexeitamento ao "populismo enerxético" do BNG.

Na súa intervención, o titular da Xunta puxo de relevo o "inmenso potencial enerxético" da Galiza. "Vou traballar para que o aproveitemos, queremos ser protagonistas de todo iso, non queremos que outras Comunidades autónomas aproveiten o que Galiza deixaría pasar", sostivo o presidente, que incidiu en que traballará para que o desenvolvemento das renovables "sexa unha realidade".

“Gobernar para as eléctricas”

Enfronte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostivo que o Partido Popular leva "14 anos gobernando para as eléctricas". "Empezaron abrazados con entusiasmo ao presidente de Iberdrola. A continuación cargáronse con mentiras o plan eólico que lle permitía a Galiza ter 14% dos beneficios de todos os parques. Seguiron co veto á tarifa eléctrica galega e, a continuación, regalaron 1.600 millóns de euros ás eléctricas", asegurou.

Agora, segundo afirmou a líder nacionalista, "seguen traballando para as eléctricas aprobando dunha tacada 77 parques eólicos para que unha presa de multinacionais ‘se forre’ á costa da riqueza" do país.

"Soportamos o espolio eólico nos nosos montes e, agora, Partido Popular e Partido Socialista impoñen o espolio eólico no mar, cargándose o modo de vida de 64.000 galegos e galegas", censurou.

Pontón lamentou que "para disimular este roubo", a Xunta faga "o de sempre". "Anuncian miles de postos de traballo. Pero cal é a realidade? A realidade é que en pleno boom eólico temos as poucas empresas do sector pechando", afirmou.

"A realidade, señor Rueda, é que co Goberno do PP, Galiza está a perder emprego industrial. Perdemos 27.700 empregos. E saben como lle foi a Madrid con cero eólicos? Gañou 13.600 novos empregos na industria", sostivo.

Pontón afirmou que o Bloque está "a favor das renovábeis, da transición enerxética". "Pero unha transición enerxética xusta e democrática, non un timo para que se forren as eléctricas, que é o que están a facer literalmente, ‘forrarse’", incidiu.

Sanidade

Tamén no pleno, a portavoz de Sanidade da formación nacionalista, Montse Prado, “o escurantismo” dunha Consellaría de Sanidade que “de cada dez euros derivados ao Sergas para realizar contratacións, sete con cinco son derivados á contratación a dedo”.

Segundo o balance de contratación pública da Xunta correspondente ao 2022, informou Prado, o goberno galego licitou 2.233 millóns de euros en contratos, “dos que 983 millóns de euros, 45%, foron pola vía de contratos menores e negociados sen publicidade, é dicir, contratos abertos, que limitan a competitividade entre as empresas, xa que non son procedementos abertos a calquera empresa interesada”, sinalou.

A portavoz de Sanidade reprobou o modelo de contratación que está a realizar Sanidade, “sen publicidade, de forma directa, sen concorrencia competitiva ou igualdade de trato, nos que non existe expediente de contratación e, polo tanto, carécese de pregos que regulen a contratación, de oferta ou de contrato que estableza e ordene os dereitos e obrigas das partes”.

Isto deriva “nunha situación de escurantismo, porque esta Cámara descoñece a onde manda o Executivo do PP os cartos para as contratacións a dedo”, denunciou.

Comentarios