18-F

Pontón, "convencida" de que o domingo chegará o cambio "da man do BNG"

A candidata do BNG ve nesta campaña electoral "moita emoción e ilusión como nunca": "O que estamos a sentir é moi potente", afirma.
Ana Pontón visitou hoxe o entroido de Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón visitou hoxe o entroido de Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, mostrouse esta terza feira "convencida" de que os galegos e galegas optarán o próximo 18 de febreiro por "abrir un tempo novo da man" da formación nacionalista, e situou despois do domingo electoral o momento de "falar e avanzar noutras posibilidades".

Así respondeu este Martes de Entroido, en que o seu 'BNGtour' fixo parada no Entroido de Verín (comarca homónima), ao ser preguntada pola postura de Democracia Ourensá (DO) de abrirse a falar con calquera formación que estivese en condicións de gobernar a Xunta e de que a formación de Gonzalo Pérez Xácome, alcalde de Ourense, mencionase explicitamente o Bloque Nacionalista Galego.

"Nós, sobre todo, confiamos en que os galegos e galegas, o próximo 18 de febreiro, van apostar por abrir un tempo novo. Eu estou a ver nesta campaña que hai moita emoción e ilusión como nunca; o que estamos a sentir é moi potente, hai un cambio na sociedade e unha ilusión que van crecendo, e estou convencida de que o próximo 18 de febreiro os galegos van apostar por abrir un tempo novo da man do BNG", salientou.

O traxe típico de Verín

 Pontón mesturouse no Entroido de Verín nesta terza feira de entroido, festivo en moitas localidades, e fíxoo visitando dous dos municipios coñecidos como o 'Triángulo Máxico', onde é crucial non confundir os Cigarróns cos Peliqueiros e as Pantallas. "A gozar a tope e o domingo, a votar", proclamou Pontón, quen pediu un último esforzo a pesar das datas nas que os galegos e as galegas foron chamadas ás urnas.

Ana Pontón, esta terza feira, vestida co tradicional capuchón en Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Ana Pontón, esta terza feira, vestida co tradicional capuchón en Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Tras progonizar un mitin en Burela, o 'BNGTour' parou á primeira hora da tarde desta terza feira en Verín, onde enfundou un traxe típico desta localidade, o 'capuchón', unha sorte de capa con sobrecapa e chapeu (e estampado) de inicio do século pasado cando se celebraban festas no Casino, mentres as clases máis populares cosían este tipo de traxes. Precisamente, na cea do Casino estivo a pasada Quinta feira de Comadres o candidato do PP, Alfonso Rueda.

 

Comentarios