O PP defende a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade

"Non vexo xustificación en pór o foco nunha suposta degradación sen ningún tipo de argumento", afirma Paula Pardo, secretaria xeral do Partido Popular galego.

Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza (Foto: Arxina)

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, defendeu esta quinta feira, fronte ás críticas de BNG e do PSdeG, a decisión do presidente galego, Alfonso Rueda, de suprimir a Secretaría Xeral de Igualdade na novo organigrama da Xunta da Galiza e crear dúas direccións xerais diferenciadas para Loita contra a Violencia de Xénero e Promoción da Igualdade.

Mentres que a oposición cargou contra o que ve "unha degradación" e un erro no enfoque ao desligar ambas as dúas áreas, Prado, en declaracións aos medios antes de se reunir con deputadas e senadoras do PP, esgrimiu que non atopa "ningún argumento sólido" para "xustificar" as denuncias de "suposta degradación".

Lonxe diso, reivindicou que "está claro" que o Goberno galego "fixo unha aposta importantísima pola igualdade, cunha dirección xeral específica para a promoción da mesma" e engadiu que combater a violencia de xénero é tamén "algo fundamental na sociedade".

"Pero desvincular a loita contra a violencia de xénero da promoción da igualdade non é simplemente polos equipos directivos, senón que é unha cuestión de centrarse nos problemas reais desta sociedade. Creo que é unha aposta forte ter dúas direccións xerais", proclamou.

"Non vexo xustificación en pór o foco nunha suposta degradación sen ningún tipo de argumento", concluíu.

O BNG e o PSdeG cuestionaron esta terza feira a "rebaixa" da Secretaría Xeral de Igualdade, que agora é unha dirección xeral en conxunto con outra máis de loita contra a violencia machista.O deputado do BNG Iago Tabarés observou que en xeral "pouco beneficiados saen" os galegos en materias como igualdade ou xustiza, que teñen "menos peso". Así, que se converteron en direccións xerais é "un síntoma de como se percibe a política de igualdade" e que "non hai unha preocupación" como a que ten que "haber", xa que "non están a relacionar unha cousa coa outra".

Pola súa parte, o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro airmaba que amabas as dúas "deben formar parte do mesmo corpo administrativo e non diluírse en dúas direccións xerais", e manifestou que a igualdade tamén é "un piar fundamental da rexeneración democrática".

Máis en POLÍTICA
Comentarios