Que supuxeron estes catro anos no concello de Pontevedra?
Foron unha continuade das anteriores lexislaturas onde o goberno local continuou desenvolvendo o seu modelo de cidade, deixando de lado cuestións que baixo o noso punto de vista son urxentes de abordar porque son os principais problemas que enfronta a cidadanía.
Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía actual?
Hai cuestións importantes que non estiveron no centro das políticas do concello, como son as políticas sociais. Pontevedra é a última cidade de Galiza en canto a gasto social por habitante e iso ten que mudar. Precisamos ampliar a cobertura social e as políticas que coidan da xente.
Hai cuestións importantes que non estiveron no centro das políticas do concello
E o traballo realizado polo seu partido no municipio?
A irrupción de Podemos supuxo un antes e un despois no panorama político. De feito, durante estes anos estivemos traballando na construción da organización e nos distintos procesos electorais, e a nivel municipal coñecendo as problemáticas que afectan a nosa cidade, traballando na elaboración de propostas alternativas e acompañando as distintas loitas sociais.
Cal considera que é a principal necesidade no seu concello?
En primeiro lugar o incremento das políticas sociais, de conciliación e coidados, como poden ser a posta a disposición de prazas en escolas de 0 a 3 anos, a atención a persoas maiores, programas de coidados, políticas para abordar a soidade non desexada de persoas maiores ou políticas de igualdade.
Urxe un parque de vivendas municipal en réxime de alugueiro para combater a burbulla
Por outra banda urxe un parque de vivendas municipal en réxime de alugueiro para combater a burbulla, defender o dereito á vivenda e a emancipación da xente moza. Ademais, é necesario unha aposta decidida pola mobilidade sustentábel, a posta en marcha de transporte público e a creación de carrís bici. E, por suposto, un plan de mobilidade que mellore a convivencia entre as distintas formas de tráfico e transporte como as e os peóns, a bici, os patíns... e que á vez sirva para coidar do planeta. Daquela tamén é prioritario avanzar na transición enerxética cara ás enerxías limpas e a eficiencia enerxética.
Unha cuestión fundamental na nosa acción política e o noso programa é a recuperación da ría para a cidadanía
Ademais, unha cuestión fundamental na nosa acción política e o noso programa é a recuperación da ría para a cidadanía, que ten que ser integral, incluíndo o espazo marítimo e o terrestre, e mentres avanzamos cara a iso, debemos ir poñendo en marcha actuacións que permitan a cidadanía desfrutar do seu río e da súa ría. Nós propoñemos a construción dun bulevar ao longo da ría, coa recuperación dun areal en Lourizán.
En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?
Sen dubida, para todos, para todas nós, o primeiro é poñer a vida da xente no centro, polo tanto, as políticas de índole social parécennos as máis urxentes de instaurar.