O PSdeG leva a Bruxelas a futura Lei de medios públicos da Galiza por "posíbel vulneración" da normativa europea

Solicita á Comisión Europea que analice se o novo sistema proposto polo PP respecta os principios de pluralidade e independencia que deben rexer nos medios públicos.
O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, no Parlamento Europeo o pasado mes de xullo. (Foto : Europa Press)
photo_camera O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, no Parlamento Europeo o pasado mes de xullo. (Foto : Europa Press)

O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares rexistrou unha serie de preguntas no Parlamento europeo sobre o anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que impulsa o Goberno de Alfonso Rueda por considerar que pode existir unha "posíbel vulneración" da normativa europea.

A iniciativa do Goberno galego para mudar a lei de medios arrastra desde que saíu á luz o seu anteproxecto unha vaga de decepción e rexeitamento que mesmo motivou a Iniciativa Lexislativa Popular "Liberemos a Galega!" reclama a "democratización" da CRTVG.

Desde o Comité Intercentros da CRTVG, á Mesa pola Normalización Lingüística pasando polo conxunto do sector audiovisual o anteproxecto da Lei de medios recibiu unha negativa rotunda apoiada polos partidos da oposición con representación en Bruxelas.

Primeiro o BNG a través de Ana Miranda e agora o PSdeG, a través de González Casares, urxen vixiar os detalles dunha norma que podería vulnerar a lexislación europea que protexe a liberdade e a independencia dos medios de comunicación.

Manipulación e control

Así o recolle o eurodeputado socialista nun comunicado no que advirte do "risco" que a modelo do PP galego pode supor para a "pluralidade e a promoción da lingua e culturas galegas na CRTVG, o ente público de comunicación".

"Desde hai anos, os traballadores da CRTVG denuncian a manipulación informativa na canle, un problema especialmente grave dado que o medio é financiado cos impostos de todos os galegos e galegas", sinala para censurar que, a pesar destas denuncias, "o goberno do PP non só ignorou estas reclamacións, senón que agora pretende aumentar aínda máis o seu descontrol".

Nas iniciativas, o socialista avisou da "concentración do poder nos nomeamentos" e solicitou á Comisión Europea que analice se o novo sistema proposto, que elimina a necesidade dunha maioría reforzada no Parlamento para elixir á dirección xeral e ao consello de administración, respecta os principios de pluralidade e independencia que deben rexer nos medios públicos.

González Casares considera que este cambio concentraría o poder de nomeamento "nas mans dun só partido, o PPdeG, e do presidente da Xunta, o que podería poñer en perigo a imparcialidade e a independencia da CRTVG".

Así mesmo, expón a "posíbel incompatibilidade" da eliminación do Estatuto profesional e do Consello de Informativos coa normativa europea que asegura o control interno e a transparencia nos medios de comunicación. "A proposta de substituír estes mecanismos por un consello asesor, cuxos membros serían designados directamente polo Goberno galego, podería supor unha grave intromisión política que erosione a independencia da CRTVG", asegura.

Outra das cuestións abordadas por González Casares é a apertura da CRTVG a iniciativas privadas en todas as súas áreas, unha medida que, conforme sinala, podería reducir a produción propia e debilitar a calidade dos informativos, comprometendo a función de servizo público.

Lingua

Por último, o eurodeputado pregunta tamén se a posíbel introdución de contidos en castelán na CRTVG, cuxo mandato principal é a promoción da lingua e a cultura galega, se axusta aos principios de diversidade lingüística e cultural defendidos pola Unión Europea. E é que o PSdeG considera que esta medida podería debilitar o papel da CRTVG como defensora da identidade galega, nun contexto no que o castelán xa está amplamente representado noutros medios.

Comentarios