O PSdeG pedirá comparecer na causa do ex ministro Cristóbal Montoro polos ‘chivatazos’ xudiciais contra Besteiro e Orozco

O secretario de Organización do PSdeG, Luis Ángel Lago, sostén que as filtracións que recibía o Partido Popular “reforzan a proposta que fixo Besteiro a Rueda para afrontar a rexeneración democrática na Galiza e en España”

Montoro
photo_camera Cristóbal Montoro e Núñez Feixoo

O PSdeG solicitará comparecer, a través do PSOE, como acusación na causa que o Xulgado de Instrución número 2 de Tarragona leva a cabo contra o ex ministro de Facenda do Partido Popular Cristóbal Montoro.

O secretario de Organización, Luis Ángel Lago, explicou esta cuarta feira que por mor da publicación de partes da investigación xudicial a través dos medios de comunicación a pasada fin de semana, e “dada a gravidade dos feitos difundidos e consultado cos servizos xurídicos”, o “Partido Socialista de Galicia ten intención de tomar parte, a través do PSOE, no procedemento contra Montoro e o seu policía patriótica no Ministerio de Facenda”.

Lago destacou que nas pezas aparecidas na prensa “constátase que o Goberno de Mariano Raxoi recibía chivatazos previos sobre actuacións xudiciais contra o líder do Partido Socialista en Galicia, Besteiro, e contra o alcalde socialista de Lugo, Orozco”, e lembrou que ambos os dous “foron vítimas dunha longa persecución xudicial que os apartou inxustamente da política a pesar de ser inocentes”.

“Tanto é así, que hai que lembrar que a xuíza responsable, Pilar de Lara, foi sancionada polas súas condutas nestas instrucións irregulares”, engadiu.

Segundo as informacións publicadas, o Goberno de Raxoi sabía previamente cando se ían a levar a cabo rexistros contra a Deputación e o Concello de Lugo, ambas as institucións, gobernadas polos socialistas.

“Isto é gravísimo. Sabíao a pesar de estar a causa baixo secreto de sumario. Sabíao aínda que vulnerar o secreto de sumario sexa un delito en España. Pero o PP sabíao todo”, subliñou o secretario de Organización, que, ademais, ve necesario “aclarar se Alfonso Rueda e Núñez feixoo sabían algo”. “Casos como este non deberían ocorrer nun Estado democrático”, concluíu Luis Ángel Lago.

Comentarios