O PSdeG pide unha "rectificación pública" de Feixoo após "tentar relativizar" os abusos na Igrexa

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, se referiu a esta cuestión: "Sorprende que Feixoo se poña de perfil neste tema".
Luís Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, e Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta (Fotos: Europa Press).
photo_camera Luís Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, e Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta (Fotos: Europa Press).

O portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez, pediu esta segunda feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, unha "rectificación pública" após "tentar relativizar" os abusos sexuais a menores cometidos no seo da Igrexa católica.

"É un problema gravísimo ante o que non caben respostas tenues nin son admisíbeis intentos de difuminar o enfoque, senón que require dunha resposta social contundente, claridade e profundidade nas investigacións e apoio ás vítimas e reparación dos danos que se lles causaron", apuntou o dirixente socialista. Cómpre lembrar que o grupo do PSdeG presentou a pasada semana unha batería de iniciativas na Cámara galega para instar a Valedora do Pobo a investigar esta cuestión.

Álvarez incidiu en que "ninguén está a facer unha causa xeral contra a Igrexa" e lembrou que a pasada semana el mesmo sinalou que "tiña o convencemento de que nin a propia Igrexa compartía a opinión de Feixoo e do PP de Ayuso", unha "intuición" que, afirmou, "viuse corroborada esta fin de semana cando o arcebispo de Compostela dixo que a investigación era ben recibida e que o que había que facer era pedir perdón e asesorar legal e psicoloxicamente ás vítimas".

"Enfronte temos a soidade do PP da Galiza e do presidente da Xunta", lamentou o socialista, que amosou a súa "preocupación" pola "deriva" das e dos populares galegos, "antes máis moderados e agora facendo un seguidismo innecesario da radicalización do Partido Popular".

Trátase, sinalou Luís Álvarez, dunha "estratexia baseada nun discurso simple" cunha "mensaxe reducida que minusvalora a propia capacidade da xente para analizar a realidade de forma global, apelando sistematicamente a emocións primarias". Isto, ao seu xuízo, "evidencia o nerviosismo do PP fronte a un PSdeG propositivo, disposto incluso, como declarou o secretario xeral, Valentín González Formoso, a compartir os custos políticos de determinadas medidas que poden ser necesarias".

O BNG critica que Feixoo "se poña de perfil"

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, se referiu a esta cuestión na rolda de prensa que ofreceu esta segunda feira, e considerou "sorprendente" e "curioso" que cando o Papa reclama unha comisión de investigación sobre os abusos no seo da Igrexa o presidente Núñez Feixoo "se poña de perfil neste tema".

Así, e logo de que o mandatario galego avogase a pasada semana por investigar supostos abusos de "todas as institucións", Pontón instouno a presentar unha denuncia "se sabe que hai abusos non investigados noutros eidos".

"É fundamental que non se mire cara a outro lado, é unha cuestión que até o propio Papa sinalou", incidiu a nacionalista, a respecto dos "estremecedores" casos denunciados nas últimas datas.

Comentarios