O PSdeG urxe a Xunta aumentar as partidas en novas tecnoloxías

A socialista Leticia Gallego pide apostar polo 5G.
A parlamentaria socialista Leticia Gallego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A parlamentaria socialista Leticia Gallego. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz do grupo socialista e portavoz de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), Leticia Gallego, reclamoulle esta cuarta feira á Xunta que aumente o orzamento destinado á Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) co obxectivo de protexer unha "aposta potente e rotunda pola transformación dixital", xa que a Galiza está "en risco de perder o tren" deste proceso.

A deputada socialista presentou iniciativas parlamentarias nas que alerta da redución en 12 millóns de euros do orzamento da Axencia, que disporá en 2023 duns 197 millóns de euros, unha cantidade que considera "insuficiente para a gran transformación dixital que necesita" o país.

Fronte a iso, Galego urxe o Executivo galego a "tomarse en serio" a nova dixitalización, "e máis agora, coas consecuencias que tivo a pandemia sobre as tecnoloxías, a investigación e a innovación".

Por outra parte, a deputada sinalou que a Galiza "debe estar á cabeza" da implantación do 5G, así como das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a big data, a automatización de procesos, a robótica, a realidade virtual e aumentada, a impresión 3D ou os drons, entre outros exemplos.

En particular, Leticia Galego sinalou a importancia do 5G na mellora da competitividade, a produtividade, a eficiencia no uso dos recursos produtivos ou na maior calidade ou rendemento dos produtos ou servizos xerados nos distintos sectores económicos.

A perda desta oportunidade, considera, suporá "serias debilidades no obxectivo de sentar as bases dunha recuperación económica sólida".

Comentarios