Que pensan da taxa ao turismo os outros cinco concellos galegos con zonas declaradas de grande afluencia turística?

A Federación Galega de Hostalaría indica que "non ter medo" a esta taxa, xa que en moitos lugares do mundo xa está en vigor e non supón unha redución dos viaxeiros.

Dous concellos da ría de Arousa, O Grove e A Illa de Arousa, manifestaron o seu interese en sumarse a Compostela e implantar este gravame.

Turistas no Alto do Príncipe, un dos sitios máis emblemáticos e visitados das Illas Cíes (Foto: Islascies.eu).
photo_camera Tusitas nas Cíes. (Foto: E.P.)

Ningún dos cinco concellos galegos con zonas declaradas de gran afluencia turística (A Coruña, Baiona, Portomarín, Tui e Vigo) planea, en principio seguir a Compostela e implantar unha taxa a pagar polos visitantes, unha medida que nos últimos anos foi gañando en demanda e apoio social a medida que aumetaba a afluencia de turistas e as súas consecue cias en determinadas zonas. 

Así, despois de que esta semana a Xunta recuase e anunciase que a partir do 1 de xaneiro os concellos poderán implantar esta medida, após a petición por parte do Goberno local compostelán; outros municipios, de momento, din que non a van solicitar.

En concreto, fontes do Concello da Coruña consultadas por Europa Press subliñan que, "por agora", non se expón na urbe herculina implantar unha taxa ao turismo xa que "non existe unha problemática similar á doutros municipios con maior presión turística".

A pesar diso, A Coruña si conta con tres zonas recoñecidas de gran afluencia turística (zona monumental e centro, Torre de Hércules e Cemiterio de San Amaro), o que lle permite unha maior liberdade horaria aos estabelecementos comerciais.

En situación similar atópase Vigo, que conta con dúas zonas de gran afluencia turística. A pesar de que desde o Concello olívico rexeitaron formar parte desta reportaxe, o propio alcalde, Abel Caballero, opúxose hai un ano "a calquera taxa turística na cidade" e tamén en Cíes, despois de que o CSIC sondase se os visitantes estarían dispostos a pagar 5 euros para recuperar a flora e a fauna do parque.

Desde o Concello de Tui, o seu alcalde, Enrique Cabaleiro, indicou que, "por agora", non o planean, asegurando que "non perciben un aumento do custo dos servizos municipais debido ao turismo". "Non temos problema de masificación", apuntou, subliñado que no futuro non desbotarían implementar esta medida.

En declaracións a Europa Press, puxo o foco en que a maioría dos visitantes a este son peregrinos, polo que quizá, ao seu parecer, non é un tipo de turismo que se poida cargar con esta taxa.

Baiona tamén rexeita estabelecer un imposto especial ao turismo, porque "non ten problema de saturación". A pesar de que en temporada de verán si está declarada como zona de gran afluencia turística, con máis liberdade para a apertura de comercios, o seu alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, non considera necesario esta taxa, segundo dixo a Europa Press.

“Non a vexo desacertada”

Foi o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, o que máis aberto se mostrou á hora de falar desta taxa. Após recoñecer que o Concello non ten previsto instaurala, polo menos a curto prazo, si dixo que "non a ve desatinada".

"Sería unha taxa turística para poder ofrecer servizos ao turista. Xa que eses servizos custan diñeiro, pois que salga do peto dos turistas. Non a temos previsto a curto prazo, pero non a descartamos para o futuro", subliñou en declaracións a Europa Press."Eu creo que vai ser unha tendencia que vai comezar en cidades grandes e que aos poucos se ampliará a outras máis pequenas", engadiu.

Dous concellos da ría de Arousa, O Grove e A Illa de Arousa, manifestaron que si están interesados na taxa turñistica. 

Desde o sector, o presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, asegurou "non ter medo" a esta taxa, xa que en moitos lugares do mundo estabeleceuse e non supón unha redución dos viaxeiros.

Iso si, insistiu en que habería que chegar a un consenso entre o sector e as administracións sobre certos temas como quen a vai a recadar, como se vai a aplicar e a que se destinará ese diñeiro. 

Comentarios