Rego e Sánchez aproximan posturas de cara á investidura

O presidente do Goberno do Estado en funcións e candidato á reelección, Pedro Sánchez (PSOE), e o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, saíron da súa reunión de onte con boas sensacións. Un e outro expresaron a súa disposición a chegar a acordos para arrancar unha nova lexislatura. Porén, o nacionalista segue sen dar por fechado o seu apoio definitivo ao socialista.

Pedro Sánchez e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pedro Sánchez e Néstor Rego, na reunión de onte no Congreso. (Foto: Nós Diario).

Néstor Rego sinalou ao remate da reunión con Pedro Sánchez a “boa vontade” por parte do presidente do Goberno en funcións para chegar a un acordo cos nacionalistas que permita a súa reelección. Porén, aclarou que “será a partir da próxima semana, en que formalmente se inicie a negociación entre equipos, cando poidamos verificar na práctica se esa vontade se materializa nun acordo de investidura que posibilite que a axenda galega avance".

 Rego expresou a "mellor vontade de diálogo para que se poida chegar a un acordo", mais ligou o apoio ao candidato socialista a “un compromiso firme" de Sánchez coa "axenda galega" e cunha "axenda social avanzada" para o conxunto do Estado español. Nesta liña, reclamou un acordo “claro”, e cun calendario de execución con datas concretas, ligado a un pacto de investidura que non comprometerá o voto dos nacionalistas para o conxunto da lexislatura.

O deputado do BNG trasladou ao candidato socialista as súas propostas dun “novo modelo de financiamento xusto” e dun “maior nivel de investimentos”. Neste punto, apostou por corrixir “o déficit histórico que padece Galiza" en materia de infraestruturas, moi particularmente, en relación coas ferroviarias. A este respecto, volveu reclamar a posta en marcha dun servizo de proximidade que articule as diferentes áreas urbanas do país.

A gratuidade e a transferencia á Galiza da AP-9 foi outro dos temas que estivo enriba da mesa durante a xuntanza. Nesta liña, Rego lembrou que "forma parte das reivindicacións" e que a transferencia desta autoestrada “foi votada no Parlamento galego por unanimidade das tres forzas políticas. Aquí fica pedir coherencia”. Precisamente, o da AP-9 é un dos temas chave para os nacionalistas no proceso negociador.

Axenda galega

O deputado do BNG explicou que a súa axenda galega recolle, entre outras demandas, políticas ambientais para as rías, a posta en marcha de novos xulgados de violencia de xénero e avanzar nun modelo de "transición xusta".

Ao tempo, inclúe actuacións como o aumento das pensións mínimas, porque “reducen a fenda de xénero”, a derrogación da reforma laboral para recuperar a indemnización por despedimento de 45 días e a suba do salario mínimo.

Néstor Rego amosouse convencido de que “a cuestión territorial” vai ocupar un lugar central durante a lexislatura. Así, defendeu “a necesidade de completar as transferencias pendentes que están recollidas no Estatuto de Autonomía da Galiza” de 1981.

Asemade, reivindicou “o mesmo trato e o mesmo status para a Galiza que para Catalunya e Euskadi” e desvelou o compromiso “de forma clara” de Sánchez de defender a oficialidade do galego nas institucións da Unión Europea, garantindo a mesma consideración legal que para o catalán.

Comentarios