Rueda entra en 'modo campaña' mentres medran os rumores dun adianto electoral após consumarse a derrota de Feixoo

O presidente da Xunta percorrerá Galiza "a pé de rúa" para manter encontros "directos e espontáneos" coa cidadanía.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, o pasado 17 de setembro, nun acto do PP en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, o pasado 17 de setembro, nun acto do PP en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A baldía sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo centrou toda a atención mediática tamén na Galiza, cuxo presidente, Alfonso Rueda, viaxou a Madrid até en dúas ocasións en 48 horas para acompañar o líder do seu partido, primeiro na manifestación convocada polo PP para protestar contra unha hipotética Lei de amnistía e despois na primeira sesión do debate de investidura. E agora, após consumarse a máis que previsíbel derrota dos populares no Congreso, o foco apunta agora en Madrid ao PSOE de Pedro Sánchez... e na Galiza ao propio Rueda, pendente de convocar as eleccións ao Parlamento galego.

Inmediatamente despois de perder Feixoo na primeira votación, o deputado socialista por Lugo José Ramón Gómez Besteiro anticipaba un adianto electoral na carreira pola Xunta: "Tras o fracaso de Núñez Feixoo, o pánico apoderarase do PP da Galiza, estou completamente convencido. E iso lévanos previsibelmente a un adianto electoral, o que será entendido pola cidadanía galega como unha mostra de debilidade". Antes, nese mesmo debate, o propio líder popular ironizara con esa posibilidade aludindo a Besteiro durante a súa resposta ao parlamentario do BNG, Néstor Rego: "Espero que ao presidente da Xunta non se lle ocorra convocar eleccións, porque vaia lea van ter vostedes", dixo, salientando que "o PSdeG non ten candidato".

Rueda, porén, rexeitou esta opción alegando que o seu Goberno está inmerso plenamente na elaboración —e aprobación antes do remate do presente ano— dos orzamentos para 2024 e, a principios de outubro, o Parlamento acollerá o Debate do Estado da Nación. Galiza, defendeu o presidente da Xunta, é "unha illa de estabilidade".

Mais desde a oposición non pasa desapercibida a posibilidade do adianto electoral e, de feito, para o BNG sería o oportuno: "Cando antes se convoquen as eleccións, mellor para Galiza, porque necesita un cambio de rumbo", dixo esta quinta feira a líder nacionalista, Ana Pontón, que tamén cargou contra a "irresponsabilidade" do Partido Popular e do propio mandatario galego por "especular" coa convocatoria "coa que está a caer neste país". É un "culebrón", dixo, que evidencia o "escaso peso político de Rueda, que nin sequera é capaz de marcar a data electoral na Galiza sen que lle marquen o paso desde o PP de Madrid".

En calquera caso, os acontecementos poderían precipitar o adianto dunha cita coas urnas que se antolla chave en Xénova, pois porá a proba o 'tirón' electoral de Rueda para manter un goberno que leva en mans do PP desde 2009, con catro maiorías absolutas consecutivas da man de Núñez Feixoo. E quizais por iso o tamén presidente do PP na Galiza percorrerá desde este domingo o país co obxectivo de manter un contacto "máis directo" coa cidadanía galega e, desta maneira, "profundar nas súas preocupacións reais".

Baixo o lema 'Galicia non para!', o líder dos populares galegos quere "intensificar" a interlocución directa "a pé de rúa", nun contexto estatal no que "a política se afasta cada vez máis dos intereses dos cidadáns e a comunicación redúcese aos contactos entre determinados partidos", segundo detallan desde a formación conservadora. Alfonso Rueda somérxese así en plena precampaña dunhas eleccións galegas cunha data aínda incerta, pero que deberá ser anterior a xullo de 2024, cando expira o seu mandato.

"O noso presidente ten un estilo propio de facer política. Con 'Galicia non para!' seguirá facendo esa política que pon de bo humor os cidadáns, en contraposición coa que crispa", afirma a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. E contrapón isto "coa situación de bloqueo que vive España, coa parálise e o retroceso que provoca o nacionalismo e o independentismo, só centrado en lograr os seus obxectivos ideolóxicos, e cun socialismo só obsesionado en lograr os seus obxectivos partidistas".

Nestes encontros "Rueda falará coa xente de economía, de emprego, de familia, de educación ou do agro", e a cidadanía "poderá facerlle chegar as súas incertezas e propostas directamente, nunha conversa persoal". Esta campaña, aseguran desde o partido, "porá en valor a normalidade extraordinaria" da Galiza, "con Alfonso Rueda á cabeza": "Unha Galiza na que seguimos avanzando e sorteamos o bloqueo político, na que o contacto do Goberno é co pobo e non cunha elite política, e na que se convive na diversidade, en lugar de utilizarse para crispar ou dividir", subliña Paula Prado, que incide no desexo de Rueda de ter como presidente "menos atril, menos distancia e máis 'ti a ti'".

Comentarios