Van ser as eleccións galegas en marzo?

Galiza atópase en modo electoral. A actitude e os movementos do Goberno galego e do Partido Popular sitúanse nesa dirección. De feito, o PP estuda convocar os comicios galegos para os meses de marzo ou abril.

Rueda_alberto_nunez
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez nun acto do PP no Compostela no mes de setembro. (Foto: Europa Press).

A dereita xógase moito nas vindeiras eleccións galegas e, por iso, non quere equivocarse á hora de fixar a data da convocatoria. Tras descartar o adianto electoral de 2024 a 2023,  coñecedor de que os números non lle daban para continuar á fronte da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda traballa agora coa perspectiva de chamar ás urnas no mes de marzo ou no de abril. Neste sentido, o círculo de confianza do presidente galego apunta que o máis probábel é que Rueda convoque os comicios antes da Semana Santa. Terían lugar, así, entre o 24 e o 31 de marzo, e así llo fixo saber a significados empresarios do sector enerxético e financeiro.

As eleccións galegas preséntanse nesta ocasión dunha maneira diferente para a esfera dos negocios. Neste contexto de transición enerxética e de grandes oportunidades económicas, as grandes compañías do sector eólico con intereses na Galiza queren á fronte do Executivo galego un presidente confesional cos seus intereses.

Nesta liña, explícase a campaña aberta pola patronal eólica, co apoio de sindicatos como CCOO, contra a xudicatura e aqueles forzas sociais e políticas que apostan por un modelo enerxético respectuoso co país en termos económicos e ambientais.

Movementos nas formacións políticas

Alberto Núñez Feixoo xógase o seu futuro nas eleccións galegas. Un resultado electoral que non lle permita continuar ao Partido Popular á fronte da Xunta da Galiza significaría o seu final político e aceleraría o proceso de renovación interna do PP, onde Juan Manuel Moreno Bonilla e Isabel Díaz Ayuso aparecen como candidatos mellor situados para sucedelo.

O PSOE é coñecedor desta situación e, de feito, fontes socialistas poñen de manifesto o interese de Pedro Sánchez nos comicios galegos co fin de debilitar o seu rival na dereita e de abrir unha nova fenda nas filas populares. Sexa como for, os socialistas españois enfrontan o proceso galego cunha actitude diferente aos anteriores.

Ana Pontón, pola súa parte, sábese diante do seu momento decisivo. A candidata do BNG é consciente de que alcanzar a presidencia da Xunta da Galiza preséntase complicado, pero posíbel. Nesta liña téñense manifestado nos últimos meses diversas sondaxes en que Pontón disputa con Rueda a consideración de candidata mellor valorada e aparece como primeira opción electoral para as franxas de idade inferiores aos 44 anos. Nesta perspectiva, a dirección nacionalista enfronta os meses previos ás eleccións como unha sorte de batalla final, onde os resultados dependerán, nunha parte que pode ser decisiva, da capacidade de mobilización da súa base social.

José Ramón Gómez Besteiro e Sumar son dúas das grandes incógnitas dos comicios. Malia que a dirección do PSdeG dá por feito un ascenso en relación ás eleccións de 2020, está por ver o alcance do poder de atracción do seu candidato máis alá das bases socialistas. Na mesma dirección, falta por coñecer o candidato ou a candidata de Sumar e as posibilidades desta formación de superar o 5% do electorado para entrar no Parlamento da Galiza

Comentarios