Rueda evita dar o seu apoio á oficialidade do galego na UE

Nin no Congreso nin na Unión Europea, o galego que non saia da Galiza. O presidente da Xunta da Galiza, Afonso Rueda, volveu reiterar esta quinta feira que "non ten moito sentido" o uso da linga galega na Cámara baixa española. A maiores, a preguntas de Nós Diario sobre se apoiaba que o galego poida ser oficial na Unión Europea, Rueda evitou dar unha resposta, limitándose a sinalar que "se fala disto por non falar doutras cousas".
Alfonso Rueda, após unha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, após unha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

O presidente da Galiza non semella moi contento coa posibilidade de que a lingua propia do país cuxa Presidencia ostenta vaia gañando cada vez máis espazos e dereitos. "o bilingüismo é unha riqueza", respondeu a preguntas da prensa sobre se non é contraditorio que o PP galego se defina "galeguista" e despois estea contra a presenza do idioma no Congreso. "Isto non quer dicir —proseguiu— que non teña moito sentido que haxa que usar o pinganillo entre xente que se entende nunha lingua común", o español. Ademais, engadiu, este tema "non é unha prioridade para os galegos", "non ten sentido" e "non me fai máis galego usar o galego cunha persoa que me fala castelán". 

Volveu reiterar o titular da Xunta que este tema "non é prioritario", porque iso éo "ques se está cedendo" [ante o independentismo]. A preguntas de Nós Diario sobre se, porén, apoiaba a posibilidade de que o galego fose oficial na Unión Europea e se valoraba facer algunha xestión ou medida para mostrar o apoio da Xunta a esa posibilidade,  Rueda respondeu cun "fálase disto para non falar doutras cousas".

Manifestación en Madrid

Tamén a preguntas da prensa, Rueda afirmou que fará todo o "posíbel" por estar o vindeiro día 24 en Madrid e asistir á manifestación convocada polo PP español "contra a amnistía" e negociación dos independentistas. Unha protesta que Rueda enmarcou na oposición "a calquera intención de rachar a igualdade entre os pobos de España".

Para o presidente, "Galiza xógase moito" nas conversas entre independentistas e Estado pois, considera, sairá prexudicada. "O PSOE está a perder a rúa e moléstalle que a cidadanía na rúa lle diga certas cousas", concluíu.

Vacina gripe e Covid

O presidente da Xunta avanzou onte que o 25 de setembro arrincará a campaña de vacinación contra a Covid e a gripe nos centros de maiores e discapacidade. Avanzouno ao rematar o Consello da Xunta, na comparecencia ante os medios na que tamén informou do impulso da Estratexia sanitaria 2020-2030, que incluirá os "retos" do futuro da sanidade na Galiza, que pasa por unha medicina "máis personalizada". Na rolda de prensa tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que precisou que esa estratexia, composta por 20 programas e 100 liñas de actuación, procura dar máis atención domiciliaria e a distancia para controlar, por exemplo, os pacientes crónicos. "Tamén queremos impulsar o uso da intelixencia artificial" na sanidade, apuntou.

A preguntas dos medios sobre se nesa estratexia se tratan tamén medidas contra a falla de persoal ou sobre que papel  vai ter a sanidade privada, o conselleiro evitou dar respostas concretas.

Comentarios