18-F

Rueda promete que brigadistas que traballan seis meses ao ano pasarán a facelo nove de forma gradual até 2026

En palabras do candidato popular, dáse un "importante salto cualitativo" cunha medida que, se continúa á fronte da Xunta, beneficiará case 1.000 profesionais.
Alfonso Rueda recibiu os bombeiros forestais na sede do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda recibiu os bombeiros forestais na sede do PP. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe a que, se obtén a confianza dos galegos e galegas o próximo 18 de febreiro e continúa á fronte do Goberno autonómico, gradualmente incrementarase a nove meses o tempo de traballo de persoal do servizo de prevención e extinción de incendios da Galiza que actualmente traballa durante a metade do ano.

Os populares concretaron que se faría de maneira gradual en tres anos, incrementando xa un mes este 2024, no que estes profesionais traballarían sete meses en lugar de seis. Rueda, quen no encontro estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, esgrimiu que este incremento de período laboral iría ligado a un compromiso de potenciar os labores de prevención.

En palabras do candidato popular, dáse un "importante salto cualitativo" cunha medida que, se continúa á fronte da Xunta, beneficiará case 1.000 profesionais —un terzo do total do persoal deste servizo— e permitirá "incrementar e planificar mellor os traballos de prevención contra o lume". Esta medida sumaríase así aos aumentos xa aplicados a este mesmo persoal, que pasou de traballar de tres meses no ano 2017 a facelo seis meses en 2020.

Os populares tamén aludiron ao aumento do tempo de traballo dos profesionais que desempeñaban a súa función durante nove meses e que agora desenvolven a súa actividade durante todo o ano. Así, dun colectivo de máis de 3.000 profesionais, Rueda esgrimiu que dous terzos do servizo de incendios traballan na actualidade os 12 meses. Rueda recalcou que a medida poderá empezar a aplicarse este mesmo ano grazas á cobertura de ter uns orzamentos galegos aprobados.

Rueda aproveitou a reunión para reiterar o seu "agradecemento e compromiso" a todos os membros do servizo de prevención e defensa contra incendios. "Sentímonos moi orgullosos e somos conscientes da importancia de dotalo de medios materiais e formativos para que poidan seguir facendo del o mellor sistema de extinción de España e un dos mellores do mundo. É o noso deber que sigan mellorando ofrecéndolles estabilidade", resolveu.

Na reunión co presidente e candidato do PP estiveron presentes representantes das asociacións Apropiga, Atrifoga e Aproxecugal. Ramón Abeijón, desta última asociación, interveu en nome dos seus compañeiros e ratificou a satisfacción do colectivo cunha demanda que estaba sobre a mesa. Preguntado por se houbo algún outro compromiso por parte do titular da Xunta, Abeijón destacou o paso adiante que suporía este compromiso para o servizo e incidiu en que o encontro desta terza feira non estaba proposto como unha cita negociadora.

Así, aínda que manifestou que as asociacións continuarán pelexando por mellorar o servizo e que se sigan atendendo as demandas dos traballadores, agregou que nesta xornada abandonaban a sede do PP na Galiza "contentos, satisfeitos e desexosos de trasladar a boa noticia" ao resto dos seus compañeiros.

Máis en POLÍTICA
Comentarios