Alfonso Rueda e o seu Goberno soben os seus soldos para 2024

Os salarios do Executivo repuntarán por volta de 0,5%, polo que o presidente Rueda pasará a cobrar 83.247,72 euros, e os seus conselleiros e conselleiras, 72.655,8 euros.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira durante o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, presidindo unha reunión do seu Goberno. (Foto: Arxina)

O gasto en persoal eventual do Goberno galego para o ano que vén sobe 0,4% no proxecto de orzamentos de 2024, até situarse en 6,81 millóns de euros, fronte aos 6,78 millóns que se corresponden coas contas do exercicio aínda en vigor. O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou esta sexta feira o documento no Parlamento da Galiza.

Os orzamentos do país para 2024 ascenden no seu conxunto por volta de 5% a respecto dos de 2023, até alcanzar os 13.257 millóns de euros cun teito de gasto de récord, polo que a Xunta reivindica que son os "máis altos da historia". Porén, a repunta nas contas non vai parella ao aumento da inflación, tal e como informa esta sexta feira Nós Diario.

Mais estes non son os únicos incrementos significativos, pois segundo recolle a axencia Europa Press, os soldos dos membros do Executivo medran tamén 0,5%. Así, o presidente galego, Alfonso Rueda, pasará a cobrar 83.247,72 euros o exercicio próximo, un 0,5% máis.

Os dous vicepresidentes, Diego Calvo e Ánxeles Vázquez, cobrarán tamén un 0,5% máis o ano que vén, até os 72.655,8 euros, que será a mesma contía que perciban os restantes conselleiros e conselleiras unha vez aprobados estes orzamentos.

No proxecto do actual ano 2023, as nóminas do titular da Xunta e mais do seu equipo de conselleiros repuntaran por volta de catro puntos porcentuais.

Comentarios