23-X

Segue a noite electoral en 'Nós Diario': resultados en directo, pactómetro e toda a información

'Nós Diario' ten todo preparado para a ofrecer a mellor cobertura das eleccións estatais deste domingo, 23 de xullo, unha cita coas urnas que será chave para determinar o rumbo do Estado español nos próximos catro anos e o peso que Galiza terá nas Cortes.
Un cidadán prepara o seu voto para o Senado nas eleccións de novembro de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Un cidadán prepara o seu voto para o Senado nas eleccións de novembro de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Nós Diario despregará unha cobertura especial das eleccións estatais este domingo: resultados en tempo real, gráficos e distribución de escanos tanto no Congreso como no Senado. Este xornal brindará unha cobertura especial dos comicios deste 23 de xullo a partir das 20 horas, unha vez fechen as mesas e empecen a transcender os datos das enquisas a pé de urna.

Ao longo da xornada electoral, aliás, ofreceremos os resultados de participación, que se coñecerán ás 14.30 horas (cos datos até as 14 horas) e ás 18.30 horas (cos datos até as 18 horas), así como a actualidade política do día e o seguimento dos comicios por parte de cada formación política.

Resultados en tempo real

Será a partir das 20 horas cando Nós Diario realice o despregamento da súa cobertura especial, coa publicación dos resultados das enquisas a pé de urna e coa activación das ferramentas que permitirán consultar en tempo real os resultados dos comicios tanto no Estado español no seu conxunto —número de votos e reparto de escanos— como na Galiza e, mesmo, concello a concello.

Un equipo de profesionais de Nós Diario traballará para achegar desde a nosa edición dixital toda a información en tempo real, tanto na web como nas redes sociais. Nestas canles poderanse consultar os datos oficiais minuto a minuto. O escrutinio será accesíbel desde calquera tipo de soporte. Estímase que os primeiros datos serán difundidos polo Ministerio de Interior a partir das 21 horas, unha vez fechen os colexios electorais das Illas Canarias.

Ferramenta para seguir os resultados en tempo real que se habilitará o domingo ás 21 horas, cando comece a enviar os datos o Ministerio.
Ferramenta para seguir os resultados en tempo real que se habilitará o domingo ás 21 horas, cando comece a enviar os datos o Ministerio.

Gráficas e pactómetro

Nós Diario ofrecerá gráficas que se irán actualizando en tempo real ofrecendo a distribución final de escanos, o número de votos de cada formación, así como a comparación a respecto dos resultados das anteriores eleccións estatais, de 2019, tanto as de novembro como as previas de abril. Tamén estarán dispoñíbeis, en directo, os datos de todos os concellos do Estado español.

Ademais, este xornal cubrirá as reaccións de todos os partidos políticos e publicará unha serie de informacións e análises sobre os resultados, tanto do Congreso como do Senado, con especial atención á Galiza.

Todas as gráficas cos resultados en tempo real, que se actualizarán minuto a minuto, conforme vaian chegando os datos directamente procedentes das bases de datos do Ministerio de Interior, poderán consultarse na propia portada de nosdiario.gal, onde tamén se habilitará un 'pactómetro' que permtirá calcular, con base na distribución de forzas resultante dos comicios, que opcións haberá para conformar un novo Goberno no Estado español cando se constitúan as Cortes.

Comentarios