Xustiza

O Supremo propón xulgar a Baltar por un delito contra a seguridade viaria

A maxistrada Ana Ferrer atopa indicios de que o senador do PP superaba a velocidade permitida cando conducía pola A-52 en Zamora e pregunta á Fiscalía, que xa pediu a súa condena, se debe abrir xuízo oral contra el.

José Manuel Baltar (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera José Manuel Baltar (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A maxistrada do Tribunal Supremo Ana Ferrer ditou un auto no que procede contra o senador do Partido Popular José Manuel Baltar por un delito contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h nun tramo da autovía A-52 sentido Benavente (Zamora) cuxa velocidade máxima permitida era de 120 km/h.

No seu auto de transformación da causa en procedemento abreviado, a maxistrada instrutora dá traslado das actuacións ao Ministerio Fiscal para que, no prazo de dez días, solicite a apertura do xuízo oral formulando escrito de acusación ou o sobresemento da causa.

A maxistrada afirma que o actuado até o momento permite afirmar, desde a análise indiciario que o momento procesual reclama, que na tarde do día 23 de abril de 2023, o senador José Manuel Baltar Branco conducía un vehículo pola autovía A-52, sentido Benavente, cando ao alcanzar o punto quilométrico 66,900, dentro do termo municipal de Asturianos, o aparato de medición alí instalado, detectou que o mesmo circulaba a unha velocidade de 215 km/h. A velocidade máxima permitida nese punto é de 120 km/h.

Sinala que aplicado sobre o resultado de medición detectado a marxe de erro de 5% que estabelece a normativa sobre control metrolóxico do Estado, o resultado lanzado é de 204 km/h. Ese mesmo día Baltar Branco foi sancionado administrativamente por circular a 215 km/hora nun tramo de velocidade limitada a 120 km.

A maxistrada subliña que os feitos revisten caracteres dun delito previsto no artigo 379.1 CP, segundo o cal “O que conducir un vehículo de motor ou un ciclomotor a velocidade superior en sesenta quilómetros por hora en vía urbana ou en oitenta quilómetros por hora en vía interurbana á permitida regulamentariamente, será castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos”.

“A simple lectura dos feitos que delimitamos como puníbeis, xustifica sen necesidade doutras argumentacións o seu encaixe na tipicidade apuntada (artigo 379.1 CP), como unha das condutas que o lexislador considerou merecedoras de reproche penal en canto estatisticamente máis arriscadas para a seguridade no tráfico rodado. Iso na lóxica de que incrementa inadmisibelmente o risco de danos persoais e materiais, quen conduce a unha velocidade superior aos límites previstos no citado precepto”, conclúe a maxistrada instrutora.

Por outra parte, afirma que a imputación tanto obxectiva en relación cos feitos, como a subxectiva no que concerne á intervención nos mesmos do investigado, susténtase nos datos incorporados ao atestado levantado por mor do resultado lanzado polo medidor de velocidade que o día 23 de abril de 2023 instalado no km 66,900 da autovía A-52, pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil, subsector de Zamora, así como as súas sucesivas ampliacións.

Comentarios