VÍDEO | Unha acusación falsa de Ana Vázquez (PP) contra Néstor Rego (BNG) desata unha 'liorta' no Congreso

"Á deputada Ana Vázquez díxenlle exactamente o mesmo que dixen na tribuna, que mentiu sobre o BNG e sobre este deputado", asegurou Rego en declaracións a este xornal.
Ana Vázquez, deputada do PP no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera Ana Vázquez, deputada do PP no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

A portavoz de Interior do PP no Congreso, a galega Ana Vázquez, asegurou no hemiciclo que o deputado do BNG, Néstor Rego, a increpara no corredor e pediu amparo á presidenta da Cámara, a socialista Francina Armengol, acusación que o representante do BNG nega.

Tras o debate dunha iniciativa de Sumar sobre a redución da xornada laboral, Ana Vázquez pediu a palabra para asegurar que Rego a increpara" no corredor" e que posteriormente a insultara.

Minutos despois foi Rego quen pediu a palabra, debido a que estaba presente cando o acusou a deputada do PP. Segundo explicou, a orixe do incidente é un chío publicado por Vázquez en redes sociais acusando o deputado do BNG de boicotear o minuto de silencio do pleno no Congreso en memoria dos dous gardas civís asasinados en Barbate (Cádiz) por unha narcolancha, cando en realidade si que estaba no hemiciclo no momento do minuto de silencio.

"Parece que se sente ameazada pola verdade"

"Á deputada Ana Vázquez díxenlle exactamente o mesmo que dixen na tribuna, que mentiu sobre o BNG e sobre este deputado. Literalmente, díxenlle: 'Debería darche vergoña mentir, Ana'. Iso non é increpar, asaltar ou ameazar, salvo que a deputada Ana Vázquez se sinta ameazada pola verdade", dixo Rego en declaracións a Nós Diario.

Segundo Rego, o PP fai da mentira "a súa principal ferramenta", utilizouna durante a campaña das galegas vinculando ao BNG co terrorismo, e en concreto Vázquez "leva 24 anos facendo o mesmo" como deputada do PP por Ourense. "Así que deixe de mentir, señora Vázquez", remachou.

Comentarios