A Xunta axilizará a tramitación da reapertura da mina de Touro declarándoo "proxecto industrial estratéxico"

O Consello da Xunta iniciará a tramitación do expediente presentado meses atrás por Cobre San Rafael, e que colectivos ecoloxistas denunciaron que o Goberno galego "ocultou", na reunión desta segunda feira, segundo avanzou este domingo a conselleira de Economía.
Reunión do Consello da Xunta en San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta en San Caetano. (Foto: Arxina)

O Goberno galego está decidido a levar adiante o proxecto de reapertura da mina de Touro promovido por Cobre San Rafael e rexeitado inicialmente pola propia Xunta en xaneiro de 2020 porque non se garantía a "sustentabilidade ambiental". O que agora está de novo nas oficinas de San Caetano, e que colectivos veciñais e ecoloxistas denuncian que é "unha copia barata" do anteriormente tombado pola Administración, será declarado "proxecto industrial estratéxico" (PIE) na reunión do Consello da Xunta desta segunda feira.

Así o avanzou este domingo a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, nunha entrevista na Cadena SER na que tamén puxo o inicio do vindeiro ano como horizonte para dispor do informe ambiental relativo á 'macrocelulosa' que a portuguesa Altri tramita na comarca da Ulloa. O proxecto mineiro de Touro avanzará así na súa tramitación cunha simplificación dos procedementos administrativos que vai parella á declaración de "proxecto estratéxico".

"A empresa solicitou a principios de ano que fose tramitado como proxecto industrial estratéxico, estivemos até a data analizando o expediente e precisamente ao Consello da Xunta de mañá [pola segunda feira] vai o inicio da tramitación do PIE. Estoume anticipando; por suposto, teremos que deliberalo, pero é moi probábel que comecemos xa a tramitación", dixo, ante os micrófonos da SER.

Preguntada polos prazos que se marcarán a partir de agora, a conselleira detallou que primeiro comezará a fase de información pública e outras xestións desde o punto de vista da tramitación ambiental, para o que, apuntou, a Xunta puxo un tope dun ano, e normalmente "dous ou tres meses previos de análise da documentación". En definitiva, augurou que, contando desde que se inicien os trámites, "nun ano e pico debería estar funcionando".

Críticas pola "ocultación" do proxecto

Cuestionada polas críticas de colectivos ecoloxistas que afirman que a Xunta ocultou o informe até que pasaron as eleccións ao Parlamento da Galiza, Lourenzá defendeu que, "como calquera outro proxecto, desde que entra, o normal non é levalo ao Consello sen un exame ou análise previa", e sinalou que os populares "xa fai un anaco" que gañaron as eleccións, polo que o puideron levar "moito antes" para a súa aprobación.

Segundo os colectivos asinantes do comunicado no que cuestionaban esta semana o proceder do Goberno galego, "o único que cambiou no últimos catro anos foi a cantidade de diñeiro investido pola mineira en propaganda e campañas de desinformación sobre a realidade do proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas".

Por parte de Cobre San Rafael, porén, insisten en que traballan desde hai un tempo nun novo proxecto para reactivar a produción de cobre na antiga mina de Touro "máis innovador e máis verde, que vai converter Galiza nun referente mundial en minaría sostíbel".

Comentarios