CIG-Ensino, CCOO, UGT Servizos Públicos e SNEP Galicia convocan novas mobilizacións no sector da educación infantil tralo fracaso da última reunión o 24 de novembro, no marco da negociación do XIII Convenio Colectivo.
Nas xa doce reunións da mesa negociadora, “as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas”, indican as organziacións.
Así, estas centrais, en representación do persoal traballador de infantil de 0 a 3 anos, organizarán varias manifestacións e concentracións no mes de decembro nas grandes cidades da Galiza.
A primeira das mobilizacións arrincará o día 13 en Vigo, Santiago e A Coruña. Tamén se convocará unha nova xornada de folga, a sexta no que vai de ano, o martes 19 de decembro. Os sindicatos convocantes continúan manifestando deste modo o malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis de un ano e medio, nas que as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector.
As reivindicacións mantéñense na liña dos últimos meses: denunciar o inmobilismo nas negociacións do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, estancado desde hai máis de un ano e medio e defender os dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta dos arredor de 200 centros que hai en Galiza destas tipoloxías.
A actitude das organizacións patronais pon de manifesto “a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector”.
“As patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás empregadas dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais”, critican..
Desde o inicio das negociacións no 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo, ata hoxe, proseguen estes sindicatos.
Calendarización das mobilizacións no mes de decembro:
- Manifestación en Vigo e concentración en Santiago ás 19h e manifestación en Coruña ás 18:30 horas, o mércores 13
- Manifestación nacional en Santiago o sábado 16, ás 11:30 horas.
- Xornada de folga o 19 con manifestacións ás 11:30 horas en Vigo e na Coruña.
- Concentracións con cartaces e faixas nos centros de educación infantil os días 11 e 18, subindo fotos e movelas nas redes sociais coas etiquetas: #DesbloqueoXa e #ConvenioInfantilDigno.