-Após case un mes cun descenso constante dos casos activos da Covid-19 tras o decaemento do estado de alarma, sumamos varias xornadas de ascenso continuado e unha repunta significativa da incidencia acumulada, tanto na Galiza en xeral como na área de Pontevedra-O Salnés en particular. Preocúpalle esta tendencia?
Que aumenten os casos sempre é un problema, mais aínda seguimos en valores baixos. Aliás, esta repunta vemos que se debe esencialmente ás viaxes de fin de curso de estudantes a Balears. Medra a incidencia sobre todo entre as persoas menores de 30 anos, xusto o colectivo que aínda non está inmunizado. Cando comecen recibir a vacina, isto debería mudar.
E a este respecto cómpre lembrar que a vacina non ofrece unha inmunidade inmediata, tarda perto dunha semana en facer efecto. Debemos estar vixilantes ante a expansión da variante Delta do coronavirus, moito máis transmisíbel que a británica. Quizais cumpriría comezar a vacinar todas as persoas de entre 20 e 40 anos por orde alfabética, porque o risco nesta franxa é o mesmo.
-A respecto do 'macrosurto' xurdido en Mallorca, que sitúa Pontevedra e algúns concellos da súa comarca desde hoxe no nivel medio de restricións, cre que a situación está controlada ou teme que se poida agravar?
Naturalmente existe o risco de que o virus se poida expandir por toda a comarca, mais semella estar controlado porque xa sabemos quen son as persoas infectadas e os seus contactos estreitos. Boa parte dos contaxios están asociados á variante Delta.
Con todo, nos cribados feitos nos institutos está a acudir perto de 30% das e dos convocados, e isto pode ser perigoso. Debemos facer un chamamento á responsabilidade, porque o coronavirus só o deteñen as vacinas e os cribados.
-Malia o aumento de casos (367 activos nestes intres), nos hospitais de Pontevedra e O Salnés hai só oito doentes hospitalizados en planta e tres na UCI. Como é o perfil das persoas ingresadas?
Son poucos os pacientes que ingresan. A media de idade é baixa e normalmente están sen vacinar, quer porque aínda non lles tocou a quenda, quer porque non puideron acudir, mais en moi poucos casos é por tela rexeitado.
É moi raro que veñan cunha doenza grave, na UCI estamos internando persoas sen unha gravidade extrema, máis ben facémolo por mera precaución.
-Referíase vostede antes á predominancia que comeza ter a variante Delta. Dado que semella ser máis resistente ante unha soa dose da vacina, cre que podería entorpecer a campaña de vacinación?
Un pequeno risco si que existe, porque o organismo humano tarda entre dúas e tres semanas após a inmunización en desenvolver unha taxa de anticorpos suficientemente protectora contra a Covid-19.
Levamos un ritmo moi elevado de vacinación e isto é fundamental. Contra a variante Delta, unha soa dose de AstraZeneca supón unha inmunidade de perto de 30%, e coa segunda sobe até 90%. E, con Pfizer, a primeira ofrece 60% de protección e a segunda máis de 90%.
Por iso é fundamental que as persoas que reciban a primeira dose se sigan comportando como se non estivesen vacinadas. É un erro pensar que cunha vacina somos xa inmunes e podemos levar unha vida totalmente normal. Cómpre que toda a poboación respecte as normas ditadas, sobre todo o distanciamento social.
- É un risco reabrir o lecer nocturno?
Após un ano de paro total, o lecer nocturno volveu operar na quinta feira, cunha capacidade máxima de 50%, coa obrigatoriedade do uso da máscara e do distanciamento social de 1,5 metros entre os diferentes "grupos burbulla" e coa hora de fechamento imposta ás 3 horas da madrugada. Porén, isto só se aplica nos concellos do nivel medio-baixo de restricións. Pontevedra, entre outros, terá que agardar.
Para o doutor Baloira, que estes estabelecementos reabran non ten por que supor un incremento de casos, mais advirte: "É máis aconsellábel que as actividades nocturnas decorran ao ar libre que en locais fechados". Aliás, a respecto da inminente chegada de turistas pola tempada estival, afirma: "O turismo que vén á Galiza soe ser familiar, quere gozar da praia e da comida, mais o azar tamén vai xogar un papel importante".