Unha bandeira de España tapa agora o indicador de “Santiago”, na entrada á capital da Galiza por San Lázaro, que até a tarde da terza feira lucía cunha bandeira LGTBI, coincidindo coas celebracións do Orgullo.
Entidades como Alas A Coruña amosaron xa a súa “firme condena” ao “acto vandálico” contra a comunidade LGTBI de Compostela.
A nosa máis firme condena a este acto vandálico contra a comunidade 🏳️🌈 de Compostela #StopLGTBIfobia
— ALAS A Coruña (@alasacoruna) July 12, 2022
Todo o noso apoio ao @PazodeRaxoi por visibilizar este símbolo dos dereitos Humanos. pic.twitter.com/q4DPoWIcu1
Unha mudanza censurada por persoas como a tenente de alcalde da cidade, Mercedes Rosón, ou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela. Mais non só, pois son numerosos os comentarios que, a través das redes sociais, afean o cambio.
Tamén denunciou o “atentado” ao indicador Goretti Sanmartín, portavoz do BNG no Concello, quen advirte da discriminación para un colectivo que “está sufrindo nas súas propias persoas unha involución ideolóxica brutal e unha extrema dereita que quere recuperar as mensaxes das cavernas”.
Nas últimas horas, multiplicáronse as reaccións nas redes sociais: “Esa bandeira representa demasiadas cousas malas, este é un exemplo máis”; “non é o subconsciente, a ver se os entra na cabeza: españolismo é fascismo”; “vergoña”, “lamentábel”... replicaban usuarias e usuarios das redes.
A iniciativa de facer dos indicadores de entrada á cidade un símbolo do Orgullo partira do Goberno municipal para darlle visibilidade ao colectivo LGTBI.
O Concello restitúe o indicador
A media mañá da terza feira, o Goberno local informou de que o sinal xa fora limpado para restauralo ao seu estado orixinal e puxo de manifesto que este tipo de actos "non teñen cabida nunha cidade como Compostela, caracterizada polo respecto á diversidade e a igualdade".
Por outra parte, segundo os datos do Goberno español aos que tivo acceso Nós Diario, na Galiza rexistráronse máis de 400 delitos de odio entre 2013 e 2020. A metade destes, 230, foron por racismo e, principalmente, pola orientación sexual e identidade de xénero da vítima.