O pleno do Concello do Barco de Valdeorras acordou esta cuarta feira, por unanimidade, activar os pasos para, unha vez remate a vaga de incendios, solicitar a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia civil, antes denominada zona catastrófica.
Aliás, tanto Carballeda de Valdeorras como Rubiá prevén sumarse a esta proposta e remitir conxuntamente as solicitudes para axilizar a tramitación.
Os tres concellos están a verse gravemente afectados pola vaga de lumes que se comezou a pasada semana. A comarca de Valdeorras é, xunto coa do Courel, a que conta con maior extensión calcinada polo de agora.
Neste sentido, a estimación provisional da Xunta sitúa a superficie afectada nestes tres municipios en 9.000 hectáreas. O incendio ocupa xa as dúas marxes do río Sil e afecta o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra.
A primeira hora do domingo, o incendio de Valdeorras fora estabilizado polos servizos de control e extinción de lumes, mais as fortes rachas de vento que se deron durante a tarde do mesmo domingo propiciaron a súa reactivación. As lapas desbordan xa a fronteira do noso país con León, onde as autoridades tiveron que desaloxar as poboacións de Salas da Ribeira e San Pedro de Trones, no municipio de Puente de Domingo Flórez.
Recoñecemento á veciñanza
Durante o pleno, o rexedor, Alfredo García, leu a declaración aprobada polo conxunto de formacións políticas. Nela, o Concello mostra a súa "consternación" pola "grave situación de emerxencia ambiental" que golpea a comarca e a "catástrofe" que os incendios xeraron, ademais de mostrar a solidariedade coa veciñanza afectados, algúns desaloxados ou que perderon as súas casas.
A declaración agradece tamén o esforzo de todos os efectivos que combateron os incendios, así como dos veciños "que se viron rodeados polo lume e traballaron sen descanso para salvar os núcleos de poboación".