O BNG leva a denuncia por acoso a Iria Pinheiro á cámara galega. A formación nacionalista dirixe unha batería de perguntas a Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, a respeito da denuncia formulada pola actriz no xulgado de garda número 3 Compostela.
"Tiña coñecemento a CRTVG dos feitos denunciados? De ser así, adoptou algunha medida ao respecto? En caso contrario. Pensa adoptar algunha medida ao respecto?", inquire o BNG, representado por Olalla Rodil na comisión parlamentar de seguimento da CRTVG.
Interésase tamén o Bloque por saber se existe na CRTVG un protocolo de prevención e actuación perante "casos de acoso, abuso sexual ou outra formas de violencia, nomeadamente machista e pide que, en caso negativo a compañía se dote dun.
Finalmente, o BNG pergunta a Sánchez Izquierdo se a "persoa denunciada" -José Luis Viñas Orta- "mantén algún tipo de relación laboral coa CRTVG na actualidade". Esta cuestión respondeuna a compañía nun comunicado a pasada sexta feira. Nel afirmaba que Viñas Orta non tiña neste momento ningunha vinculación coa TVG e anunciaba que "cautelarmente" prescindiría do director para futuras producións en tanto non se resolver xudicialmente a denuncia interposta contra el.