Os bombeiros de Pontevedra e efectivos doutros servizos de emerxencias despregaron esta sexta feira un dispositivo de busca no río Lérez, ao seu paso pola cidade, despois de que un piragüista que se atopaba adestrando afundise e se lle perdese o rastro.
Foi un particular que estaba a correr pola Avenida de Domingo Fontán o que viu como caía o piragüista na zona do río entre a Ponte das Correntes e a gasolineira do Burgo. Segundo esta testemuña, nun primeiro momento o piragüista logrou agarrarse á embarcación pero acabou desaparecendo no río.
Inmediatamente alertou o 112, que activou o operativo de rescate no que, ademais dos Bombeiros de Pontevedra, tamén participan a Policía Local e a Policía Nacional española. O 112 tamén deu aviso ao servizo de Salvamento Marítimo.
Mentres os servizos de emerxencia non chegaban ao lugar do accidente, o persoal do Club Naval de Pontevedra comezou cos labores de busca.
Segundo transcendeu, o piragüista desaparecido é José Manuel Penas, vinculado co Club Naval de Pontevedra e irmán da ex palista olímpica Ana Penas. Polo de agora só puido recuperarse a canoa, parcialmente afundida. Os bombeiros xa a trasladaron ao pantalán do Club Náutico da cidade.
Mala visibilidade
Á primeira hora da tarde, a edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que a busca continúa "coa dificultade engadida" de que, debido ás choivas, o río Lérez baixa "con certa forza e turbidez", o que provoca "mala visibilidade".
Así, os servizos de emerxencias estanse axudado dun plotter e unha cámara "para poder ver por debaixo da auga". "Pero as condicións non son as mellores", remarcou a concelleira.