A Comisión de Centro do Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) convocou para esta quinta feira, día 20, unha manifestación para exixir "máis persoal" e condicións de traballo "dignas". Así o comunicaron, en rolda de prensa, as e os representantes dunha comisión con representación de CIG, CCOO, UXT, CSIF, Omega, Satse e USAE.
A manifestación partirá ás 19 horas da Casa do Mar da Coruña e concluirá na chaira do Obelisco. Desenvolverase baixo o lema "Sen persoal non hai sanidade".
Na súa presentación, este órgano de representación do cadro de persoal pediu o apoio da cidadanía e das organizacións sanitarias, sociais e políticas a unha mobilización que busca reclamar "unha asistencia pública e de calidade", segundo expuxo Lucía Peón, presidenta da comisión.
En concreto, cualificou de "urxente" o incremento de persoal en varias categorías. Neste senso, asegurou que xa había anteriormente un "déficit histórico" de traballadores, agravado agora pola pandemia, que supuxo "unha sobrecarga de traballo inasumíbel".
Por outra parte, manifestou que "a pesar das reiteradas demandas de persoal, a xerencia fixo ouvidos xordos". Ao fío desta cuestión, apuntou ás mobilizacións de colectivos como o persoal de Urxencias nas últimas semanas.
Para as persoas convocantes, un "exemplo" da precariedade dáse na "saturación permanente" deste servizo. A iso, engaden problemas en unidades como a de críticos, onde denunciaron que os traballadores "teñen que renunciar ás súas libranzas para poder atender as e os pacientes".
Aliás, citaron problemas no bloque cirúrxico, nas unidades de hospitalización ou en servizos centrais como laboratorio, farmacia, lavandaría ou cociña, con "colapso permanente e sobrecarga continuada".