“Diríxome a vostedes para desexarlles que pasen unhas boas festas, sen dor nin sufrimento, e non como as que a min me toca pasar por ser usuaria dunha sanidade pública que supuña un servizo básico e esencial para as galegas e galegos e que vostedes están desmantelando”.
Así comeza a carta de María del Carmen Rodríguez Valeiras, persoa usuaria do Sergas, remitida ao propio Servizo Galego de Saúde por mor da súa situación. Na misiva, á que tivo acceso Nós Diario, a usuaria explica que “no mes de xullo de 2022 fun sometida a unha intervención para a colocación dunha prótese de xeonllo no centro médico privado Cosaga derivada como paciente do Sergas”.
“A recuperación posterior a esa intervención foi moi dolorosa e nunca cheguei a recuperar a mobilidade nin deixei de ter dor. Consultado de novo con traumatoloxía indican que preciso nova intervención para recolocación da prótese, dado que, por algún motivo que descoñezo, a prótese non está na situación que debería estar tras a operación”, indica a afectada.
Nove meses despois, nada
Con todo, a paciente salienta que, ante isto, o 28 de marzo deste ano foi incluída na lista de espera de traumatoloxía para nova intervención de prótese de xeonllo. Mais “ano e medio despois da intervención inicial sen recuperar a mobilidade e sufrindo dor constante, pasaron nove meses desde a miña inclusión na lista de espera para a reparación da prótese, sen que até agora teña noticias de cando se programará a intervención e cando poderei deixar atrás esta dor e poderei comezar a moverme”, destaca.
Aliás, “non é a primeira vez” que esta paciente envía unha carta ao Sergas exixido que se acabe coa súa espera. Segundo indica, “xa lles escribín varias cartas (en setembro, outubro e novembro) exixindo medidas para acabar coa lista de espera e poder operarme e recuperar algo da miña vida, desta vez a carta que lles escribo é só para iso, para desexarlles o que eu non teño: saúde”.
A carta da paciente finaliza pedindo un “goberno que poña os seus esforzos en reforzar os servizos públicos e, nomeadamente, a sanidade pública”.