Axentes da Policía Local de Vigo detiveron unha muller de 55 anos de idade, E.E.O., por un presunto delito de violencia no ámbito familiar, tras ameazar cun coitelo a súa filla de 14 anos despois de que a menor interrompese unha cea que tiña con covidados no salón da vivenda, a pasada Noitevella.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do 1 de xaneiro, cando o 092 recibiu unha chamada informando deste episodio violento, nunha vivenda da rúa Urzáiz.
Cando os axentes chegaron ao lugar, escoitaron berros e ameazas e atopáronse coa porta do domicilio aberta. No interior da vivenda atopábanse tres menores, dous nenos e unha nena, que estaban a chorar.
A nena explicou aos axentes que a súa nai a ameazara e intimidara, colocándolle un coitelo na cara, polo que fuxira a refuxiarse a un cuarto da vivenda.
Os outros dous menores, de 12 e 16 anos de idade, corroboraron a versión da nena, a súa irmá, e explicaron que a súa nai se enfadou moito con ela porque entrara no salón, onde a muller estaba a cear con invitados. A nai prohibira aos fillos que entrasen nesa zona da vivenda.
Ameazas frecuentes
Ademais, as menores manifestaron de forma espontánea aos axentes que a nai as ameaza con frecuencia e mostra cara a elas comportamentos agresivos de forma habitual.
Ao entrevistarse coa muller, esta recoñeceu aos policías que ameazara a nena cun coitelo porque entrara no salón onde ceaba, a pesar de que o tiña "prohibido".
Os axentes procederon á súa detención, por un suposto delito de violencia no ámbito familiar, mentres que deron aviso a unha familiar, unha tía, para que se fixese cargo dos tres nenos. A Policía porá os feitos en coñecemento dos servizos sociais.