Un home que responde ás iniciais C.C.T., de Vigo e de 34 anos de idade, foi detido esta segunda feira na cidade olívica após agredir a súa muller en plena rúa, propinarlle varias puñadas e tirala ao chan.
Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron sobre as 16.40 horas, cando un veciño avisou de que un home estaba a golpear unha moza na rúa da Coruña. Unha vez no lugar, os axentes non localizaron o agresor, pero posteriormente escoitaron berros na rúa Arquitecto Xosé Bar Boo.
Alí, as testemuñas manifestaron que observaran como o home dera varias puñadas no ombreiro e na cara á moza, de 21 anos, que intentaba coller unha maleta que levaba, empurrándoa cando se agachaba.
Pola súa parte, o home indicou que era a súa muller e que discutiran porque, na súa opinión, estaba "moi celosa". No momento en que se lle comunicou que ía ser detido, comezou a mostrar unha actitude agresiva, opoñendo unha forte resistencia activa aos policías, mesmo intentando atacalos.
A moza, segundo as mesmas fontes policiais, actuou nos mesmos termos, "tratando de obstaculizar e dificultar" a detención do home, e finalmente tamén sometida e inmobilizada, sosteñen.
O home foi detido pola presunta comisión dun delito de violencia machista. Tras un rexistro superficial, foron incautados catro desaparafusadores, catro xemas de marihuana e un coitelo, tramitando aliás a correspondente proposta de sanción administrativa por levar estes elementos.