A Policía Local de Vigo detivo este pasado domingo un home, D.R.A., natural da cidade e de 28 anos de idade, tras agredir unha moza, de 29 anos, e acceder a través dunha unha xanela ao piso desta.
Tal e como informou o devandito corpo de seguridade, foi un alertante particular o que informou de que se estaba a producir unha "discusión de parella" no interior dunha vivenda situada na rúa Urzaiz, polo que os axentes acudiron ao lugar.
Unha vez alí, escoitaron fortes berros e observaron restos de sangue na entrada principal da mesma e, tras varias chamadas, foron recibidos por un home, o agora detido, que presentaba cortes en brazos e mans.
No lugar tamén se atopaba a suposta vítima, que explicou que horas antes estaban nun local, cando se iniciou unha discusión, decidindo ela ausentarse e marchar á casa. Máis tarde, o home presentouse no portal do inmóbel, timbrando insistentemente, negándose ela a abrir.
Con todo, logrou entrar, comezando a aporrear a porta de acceso ao piso de forma violenta, polo que a moza abriu para tratar de tranquilizalo, sendo recibida cun forte empurrón. Foi auxiliada por dous amigos que a acompañaban, expulsando o home ao exterior.
Unha vez no corredor da entrada, xa fóra da vivenda, o home dirixiuse a unha terraza e rompeu a puñadas a xanela do baño para tratar de acceder. Foi nese momento cando se produciron as lesións que presentaba.
Tamén feriu á muller, xa que lle caeron enriba os mesmos cristais, afectándolle especialmente a perna dereita, o brazo e o peito. Por todo iso, o home foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero.