A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé dez millóns de desprazamentos polas estradas galegas nos meses de xullo e agosto, o que representa 11% do total do Estado. Será nunha campaña de verán na que se intensificarán os controis de consumo de alcol.
A primeira operación saída comeza esta sexta feira, día 28, ás 15:00 horas e estenderase até as 24:00 horas da vindeiro segunda feira, día 1.
Así o informou o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, nunha rolda de prensa esta sexta feira para presentar a campaña de verán de tráfico 2024 'Á estrada non lle importa canto bebiches. Só cero ten cero consecuencias', centrada no consumo de alcol e as drogas.
"A realidade é que cada mes a Garda Civil detecta máis de mil persoas conducindo baixo os efectos do alcol", apuntou Branco que apelou á "responsabilidade" de cada condutor. "Coller o coche despois de consumir alcol é unha elección consciente e persoal, como a decisión dunha persoa que avisa a outras dos controis nas estradas", dixo, sobre unha conduta que espera que "en moi pouco tempo sexa considerada delituosa".
Neste sentido, Branco destacou que se están "reformulando os controis para máis mobilidade e máis impacto e, sobre todo, maiores resultados". "A vixilancia intensificarase nos momentos chaves do verán, fins de semana, cambios de quincena, de mes e nas pontes do 25 de xullo e 15 de agosto", recalcou.
Segundo engadiu, desenvolveranse, ademais, dúas campañas especiais de control; a primeira, entre o 15 e o 21 de xullo centrada no control de velocidade e a segunda dedicada a previr o consumo de alcol e drogas, entre o 19 e o 25 de agosto. "En paralelo, durante todo o verán, o sector de tráfico da Garda Civil continuará realizando unha acción de seguridade viaria específica tamén para motoristas", indicou.
"Poñeremos, nos próximos meses, toda a capacidade humana e técnica para garantir a seguridade dos nosos movementos", destacou.
Nesta primeira operación saída, explicou, participarán 700 axentes do sector de tráfico "en 250 patrullas en servizo cada un dos días"; 207 rádares fixos, 253 cámaras de televisión, 307 estacións de toma de datos e 83 estacións meteorolóxicas, así como máis de 400 paneis informativos variables e o helicóptero Pegasus.
O obxectivo deste dispositivo é "combater as principais causas de accidentes de tráfico", estas son as distraccións, o exceso de velocidade e o consumo de alcol ao volante, lembrou Branco.