Membros da plataforma Eólica Así Non acudiron este sábado a diversas tomas de posesión nas Alcaldías galegas, onde instaron as novas corporacións a apoiar a loita veciñal contra a "invasión eólica".
Así, solicitan aos novos edís e rexedores a apoiar as iniciativas reivindicativas e xurídicas locais e un modelo enerxético "xusto, sostíbel, ordenado e deseñado para as persoas e para a transición ecolóxica, e non en beneficio das grandes multinacionais da enerxía".
“Difícil momento”
Con esta iniciativa, explican nun comunicado, pretenden deixar patente "o difícil momento no cal nos atopamos tras a aprobación de máis de 75 macroproxectos eólicos por parte da Xunta, que se suman aos autorizados polo Goberno do Estado"
.
Os activistas entregaron de forma presencial os escritos reivindicativos ás portas dos diferentes municipios.
Polo momento, sinalan, recibiuse confirmación de entrega nuns 30 municipios de toda a Galiza.